Estudantes do MIT investigarán IA aplicada no CITIC

xoves, 5 de xuño do 2025 S. P.

Abrirse ao internacional forma parte da estratexia do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) que contribúe a consolidar á comunidade investigadora galega como un destino académico de excelencia, ao desenvolverse da man do programa MIT International Science and Technology Initiatives (MISTI) Spain. Neste senso, catro estudantes do prestixioso Massachusetts Institute of Technology (MIT) realizarán estancias de investigación durante este 2025 no CITIC, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia. Engadir que esta iniciativa contribúe a consolidar á comunidade investigadora galega como un destino académico de excelencia. A chegada deste grupo á Coruña marca un fito na capacidade do ecosistema galego para atraer talento internacional altamente cualificado e posiciona ao CITIC como referente na investigación en Intelixencia Artificial, ciberseguridade e tecnoloxías aplicadas á saúde.
Informar que o acto de benvida tivo lugar este mércores 4 de xuño por parte do equipo directivo do CITIC, encabezado polo seu director, Manuel G. Penedo. Esta xornada de benvida incluíu unha presentación institucional e un percorrido guiado polas instalacións do centro.
Os catro estudantes, seleccionados pola súa excelencia académica e experiencia investigadora, integraranse completamente en equipos do CITIC e colaborarán en proxectos punteiros aliñados coas liñas estratéxicas do centro.
Así, Juan Carlos Santiago, estudante de Intelixencia Artificial e Toma de Decisións no MIT, integrarase no grupo LIDIA, titorizado por Eduardo Mosqueira Rey, para colaborar no proxecto NEXT-GEN-SOMNUS, enfocado no desenvolvemento de algoritmos de aprendizaxe automática aplicados á análise de rexistros médicos do soño, no que traballará con Diego Álvarez Estévez, investigador Ramón y Cajal do CITIC. Ten experiencia en machine learning clínico, computación na nube e proxectos de investigación con Blue Origin
Pola súa banda, os outros tres estudantes do MIT incorporaranse ao grupo RNASA-IMEDIR, estarán titorizados por Jose Vázquez Naya e Rubén Pérez Jove e traballarán no proxecto Building AI-Driven Solutions based on LLMs for the Future of Cybersecurity, no que estudarán a aplicación de novos modelos de IA, semellantes aos empregados por ChatGPT ou Gemini, ao eido da ciberseguridade. Máis polo miúdo, estudarán a súa aplicación á monitoraxe e análise do tráfico de rede, co obxectivo de detectar ameazas e ataques, facendo así as nosas redes máis seguras.
Trátase de Ishanvi Kommula, estudante en Enxeñería e Ciencias da Computación e Matemáticas Aplicadas, con experiencia investigadora en privacidade diferencial e modelos de linguaxe (LLMs), enfocados en mellorar a súa usabilidade sen comprometer a seguridade dos datos. Tamén se incorpora a este grupo de investigación, Jaime Sebastian Punyed, estudante de Enxeñería Eléctrica e Ciencias da Computación con dobre titulación en Matemáticas Xerais no MIT, cunha sólida formación en seguridade informática, arquitectura de computadores e computación cuántica. O terceiro estudante do MIT que traballará o proxecto Building AI-Driven Solutions based on LLMs for the Future of Cybersecurity é Jace Lopez, que cursa Ciencias da Computación e Matemáticas e ten experiencia en programación, aprendizaxe automática e procesamento de datos, salientando o seu traballo no Laboratorio do Reactor Nuclear do MIT.