Expertos de España e Brasil falarán na Illa de San Simón sobre a fenda dixital e a inclusión social en Iberoamérica

mércores, 14 de setembro do 2011 Redacción

San Simón, a Illa do Pensamento, acollerá desde mañá e ata o vindeiro sábado 17 o I Encontro Científico Bilateral España-Brasil do Proxecto SICEB (Sociedade da Información e do Coñecemento en España e Brasil), no que participará unha decena de recoñecidos especialistas de ambos países. Organizadas pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Fundación Illa de San Simón, estas xornadas teñen como obxectivo establecer un debate ao máis alto nivel sobre a fenda dixital e a inclusión social en Iberoamérica, con especial incidencia en experiencias galegas e brasileiras.
Estas sesións de traballo suporán a posta en marcha do Proxecto SICEB que, centrado no estudo das políticas desenvolvidas neste ámbito, parte das iniciativas brasileiras cos grupos máis desfavorecidos, que converteron este país nun paradigma a nivel mundial. De feito, as accións levadas a cabo nesta materia permitiron que máis de trinta millóns de brasileiros pasaran dun estado de pobreza severa a lograr un grao de benestar social e educativo similar ao da clase media europea.
O encontro retransmitirase en streaming a través da canle San Simón TV, á que se pode acceder desde a web da Fundación Illa de San Simón. Tamén realizarase un seguimento en Twitter desde a conta @illasansimon e baixo a etiqueta #SICEB.
No marco destas xornadas, reflexionarase sobre as políticas de e-learning, e-health e e-administration que se levan a cabo actualmente en Brasil e España, así como sobre o impacto das mesmas nas súas respectivas sociedades e o potencial reflexo en Iberoamérica. Analizaranse igualmente diferentes experiencias e logros da cidadanía en contornos dixitais dende a perspectiva conceptual de inforricos e infopobres.
Tamén será obxecto de debate a Axenda Dixital para Europa: Axenda 2015, xa que entre os seus obxectivos contémplase a redución da fenda dixital con especial atención ás mulleres, discapacitados, xoves e outros grupos sociais susceptibles de seren excluídos dixital e socialmente. Finalmente, estudaranse as diferenzas rexionais respecto á inclusión dixital en Brasil e España. As sesións de traballo dividiranse en catro debates nos que se abordará tamén o caso concreto de Galicia no relativo á fenda dixital.