Expertos do CITIC plantan cara ás fake news con tecnoloxía de cadea de bloques

mércores, 8 de xullo do 2020 S. P.

Paula Fraga Lamas e Tiago Fernández Caramés, investigadores da UDC e do seu Centro de Investigación TIC (CITIC), amais de expertos en ciberseguridade, veñen de publicar un artigo científico no que propoñen o uso da tecnoloxía de cadea de bloques (blockhain) para combater as chamadas fake news nas redes, os populares bulos, por desgraza un fenómeno en aumento dende o inicio da emerxencia sanitaria.
Esta tecnoloxía da cadea de bloques, para quen non o saiba, é recurso dispoñíbel para acadar transaccións cen por cen seguras na Rede. Funciona como libro contábel dunha empresa, permitindo garantir a orixe e a rastrexabilidade dos datos e transaccións e proporcionando un rexistro transparente, inmutábel e verificábel. Emprégase para dar alicerce seguro ás bitcoins.
A este respecto, Paula Fraga e Tiago Fernández foron quen de identificar as principais aplicacións potenciais da tecnoloxía blockchain: moderación de contido descentralizado, fact-checking incentivado, sistemas de reputación, aplicacións distribuídas colaborativas, servizos avanzados de rastrexabilidade (o que se coñece tamén como trazabilidade), e incluso técnicas forenses.
Os dous devanditos científicos publicaron o artigo Fake News, Disinformation, and Deepfakes: Leveraging Distributed Ledger Technologies and Blockchain to Combat Digital Deception and Counterfeit Reality en IT Professional coas principais recomendacións relativas a deseño e aplicación de solucións axeitadas xunto cos máis destacados desafíos abertos para guiar aos desenvolvedores vindeiros desta liña de investigación.

PUBLICIDADE