
Logo da apertura, Enrique Bustamante abriu os relatorios explicando a batalla desenvolta durante quince anos para reivindicar a cultura como piar vital de desenvolvemento da sociedade. Na súa intervención sobre a cultura global e española perante a era dixital, avanzou que en 2025 o 90% da cultura será dixital. Sobre estes e outros retos, recordou que xa se perderon nestes tempos 80.000 postos de emprego (dun total de 500.000), e que houbo unha caída do gasto público en cultura e comunicación que cuantificou do 50% a nivel autonómico en 2016, Bustamente, que insistiu en reforzar a cooperación, lembrou que “o sector sufriu perdas graves no último lustro das que aínda non se recuperou”.
Pola súa banda, Miquel de Moragas, da Universitat Autònoma de Barcelona fixo reconto dos grandes fitos dos cambios neste sector e afirmou que “o que menos mudou neste tempo foron as necesidades humanas de comunicación”. Neste cambio avogou pola necesidade dunha nova pedagoxía da protección de datos e da xestións dos mesmos. O profesor Bernardo Díaz Nosty, pola súa banda, salientou a “necesidade da implicación política na reorganización do sistema de medios”.
Baixo o título A tormenta perfecta. A industria cultural galega no escenario do século, Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega e coordinador da xornada (xunto con Xosé López e Berta García Orosa), falou das eivas desta “tormenta perfecta” no noso país como son unha escasa poboación para competir nun mercado económico, o problema da dispersión xeográfica (canda a desertización de aldeas), a falta dunha política pública estratéxica e a caída de recursos financeiros (perda das caixas, Banco Pastor….).
Pola tarde Manuel Bragado situará o contexto da edición, Xosé Ramón Pousa o dos medios de comunicación mentres que Margarita Ledo e Miguel Anxo Fernández explicarán a situación actual da creación audiovisual.
Os profesores universitarios Domingo Docampo e Berta García Orosa abrirán a segunda sesión da xornada con dous relatorios: o primeiro analizará os desafíos tecnolóxicos, mentres que a segunda exporá o traballo do grupo de estudos locais en comunicación (Localcom), que está formado polas universidades de Alacante, de Málaga, de Santiago de Compostela, de Euskadi, a Complutense e a Carlos III de Madrid baixo a coordinación da Universitat Autònoma de Barcelona.
Pola súa banda, a artista Cristina Pato falará do artista sostible do século XXI; a xornalista María Yáñez, de estratexias para novos públicos; a escritora Inma López Silva centrarase nas artes escénicas, e Agar Ledo, nas artes visuais. Pechan as xornadas Nieves Rodríguez Brisaboa, cunha conferencia sobre as industrias arredor da Rede, e Francisco Campos, con outra sobre a economía da cultura en Galicia.
Expertos reunidos polo CCG coinciden en pedir unha nova pedagoxía na xestión e na protección dos datos
Compartir Este Artigo
