FACUA denuncia que X continúa a promocionar calotes

luns, 24 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O desprezo de X pola lexislación española é cada vez máis evidente, pois pese a ter un expediente sancionador aberto por parte da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) dende o pasado mes de decembro por publicar anuncios de servizos de investimentos non autorizados (o que informalmente se coñece como chiringuitos financeiros) continúan a aceptar publicidade ilegal, incumprindo a súa obriga legal de verificar que os anunciantes contan coa licenza oportuna para ofrecer servizos de investimento.
Os casos denunciados pola CNMV son claramente calotes, pois incluso suplantan a identidade de medios de comunicación e abusan da imaxe de figuras públicas, o que a finais de xaneiro levou a FACUA e denunciar que X seguía a ignorar as súas obrigas con calotes que empregaban a imaxe de Ana Belén e David Broncano, e un mes despois volve presentar denuncia ante a CNMV, dando conta desta volta de anuncios que suplantan a identidade de Dabiz Muñoz e David Broncano.
Os anuncios denunciados por FACUA están moi presentes dende hai varias semanas e hoxe mesmo, levando aos usuarios a unha páxina web que suplanta a de El Mundo, na que se fala cunha plataforma de investimentos chamada Chain Flux 300, que non figura nos rexistros oficiais da CNMV, polo que X non podería aceptar a súa publicidade.