Esta mañá abriron as súas portas no centro comercial Marineda City na Coruña as instalacións de Facebook Estación Central Galicia, iniciativa que forma parte dun proxecto de Facebook que busca achegar a plataforma social ás persoas para que coñezan de primeira man algunhas das súas ferramentas e, paralelamente, escoitar historias inspiradoras e emotivas que tivesen lugar en Galicia e nas que Facebook xogasen un rol para dar voz a persoas, xerar conexións humanas ou contribuír ás súas causas. Cunha selección destas historias realizarase unha peza audiovisual que conta coa colaboración do actor galego Tamar Novas.
Entre as historias emotivas recollidas en Galicia a través dun chamamento a través de Facebook, están confirmadas as do grupo do Galeón de Ribadeo (o galeón mellor conservado do mundo), a da Asociación Protectora Animais do Camiño (APACA) (protectora de animais centrada nos animais abandonados no Camiño de Santiago) e tamén La Pescadería de mi Barrio (negocio vigués que tira un grande partido das redes sociais), confiando en que nos vindeiros días atopen algunha historia máis entre os visitantes na Coruña.
Nas instalacións efémeras de Facebook Estación Central Galicia na praza Emilia Pardo
Bazán don andar baixo de Marineda City os visitantes poderán descubrir as
ferramentas e controis de Facebook, comezando polas posibilidades das
historias, para o que terán dispoñible unha especie de photocall no que xogar con máscaras e efectos, animando así a crear
fotografías e vídeos informais que de publicarse en liña só permanecerán visibles
durante 24 horas, o que é a clave do seu éxito.
Nun dos puntos de información deste enclave tamén facilitaranse as chaves para
un correcto control da privacidade, de xeito que os usuarios entenderán como
tomar o control sobre con quen comparten a súa información e os seus contidos.
Un dos elementos nos que tamén están a insistir ultimamente en Facebook é nos
grupos, e precisamente por iso en Facebook Estación Central queren salientar a
facilidade coa que as persoas poden crear comunidades en torno aos seus
intereses, obxectivos ou problemas comúns, así como atopar grupos que xa estean
creados.
Para completar a experiencia está a disposición dos visitantes un casco Oculus
Go, que é un bo xeito de introducirse nas experiencias de realidade virtual.
Os coñecementos recollidos nesta instalación física tamén están resumidos nun
folleto en papel para que os visitantes poidan levar ao seu fogar e así repasar
o aprendido de xeito privado e individual, resultando tamén este folleto de
certo interese porque, ao despregarse completamente, inclúe unha das súas caras
un mapa de Galicia no que se indican 21 das festas máis salientables da nosa
comunidade.
Facebook Estación Central Galicia estará aberto ao público durante a xornada de
hoxe ata ás 22:00 horas e durante a xornada do sábado de 10:00 a 22:00 horas.

