Facebook deixa de permitir compartir novas en Australia

xoves, 18 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Cando en España aprobouse unha lei que obrigaba a Google a pagar aos medios de comunicación por publicar extractos das súas novas ao ligalos a reacción do xigante da Internet foi pechar Google News no noso territorio, e agora outro xigante fai algo semellante: ante unha nova lexislación que impón unha taxe por ligar contidos medios de comunicación en Australia Facebook optou por establecer fortes restricións no territorio australiano, de xeito que nin os propios medios nin os cidadáns poden compartir novas a través de Facebook.
Esta medida pode supor un duro golpe para os medios de comunicación, xa que nos últimos anos mudaron as tendencias de mercado e a principal fonte de tráfico de boa parte das cabeceiras xa non é Google, senón Facebook, e precisamente a compañía de Mark Zuckerberg considera que a nova lexislación australiana non entende a relación entre os medios e Facebook, pois non ten sentido que unha plataforma que leva visitas aos medios de comunicación beneficiándoos teña que pagar por facer tal.
Ao parecer, os lexisladores entenden que as redes sociais benefícianse das novas que se comparten na súa plataforma, polo que terían que compartir os seus ingresos publicitarios cos medios de comunicación que as producen, pero ese punto de vista non parece axustarse á realidade, xa que o contido informativo que ven os usuarios en Facebook non chegan ao 4%, ou sexa, que os usuarios non acceden a Facebook para ler a prensa, senón para estar en contacto cos seus amigos e familiares, de aí que impor taxas para beneficiar aos medios de comunicación non estaría xustificado nas condicións actuais.
Dende Facebook amosan a súa disposición a crear Facebook News en Australia (servizo que xa funciona nos EE.UU. como un espazo para as novas dentro de Facebook), pero non baixo as condicións que queren impor os lexisladores, senón chegando a acordos cos medios de comunicación. Dan a entender así que ante a imposición de condicións de colaboración con medios de comunicación optarán por derrubar as pontes e trasladar os investimentos en medios de comunicación a outros mercados.

PUBLICIDADE