Facebook proba a incorporación de historias

mércores, 25 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Dende Facebook non parecen conformes con limitar a clonar as funcionalidades de Snapchat dentro de Instagram, senón que agora tamén queren facer o mesmo coa propia aplicación móbil de Facebook, na que estarían a probar as Facebook Stories en Irlanda, de xeito que en poucas semanas poderiamos ver como en Facebook tamén podemos compartir imaxes e vídeos efémeros (e en formato vertical).
Na mesma liña que outras plataformas, a cámara do móbil permitirá a incorporación de máscaras para poder crear vídeos divertidos, e os contidos publicados como historia estarán visibles durante 24 horas, o que é un importante cambio para Facebook, onde ata os directos de vídeo quedaban almacenados para a súa reprodución a posteriori, de xeito que estariamos ante os primeiros contidos de Facebook con data de caducidade.
A plataforma de Facebook Stories tamén conta con funcionalidades de mensaxería que estarían separadas do Messenger de Facebook.

Vídeo no que se amosa o funcionamento das Facebook Stories