Feijóo reafirma o seu apoio á Cidade das TIC na toma de posesión do reitor da UDC

martes, 14 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Hoxe a Universidade da Coruña acolleu a toma de posesión oficial do novo reitor, Julio Abalde: un concorrido acto ateigado de docentes, investigadores, emprendedores e representantes políticos e que serviu, entre outras cousas, para mostrar as vindeiras liñas de traballo da UDC en materia de excelencia académica, transferencia e transformación. No acto interveu o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, quen mostrou o seu pleno apoio a proxectos tecnolóxicos referenciais da UDC, como por exemplo a Cidade das TIC (a conversión da antiga Fábrica de Armas nun ecosistema local a prol do coñecemento e das empresas dixitais e innovadoras).
Segundo fixo saber, o proxecto é “a proba de que a Universidade da Coruña aposta firmemente por unir os campus coa súa contorna”. Nas súas palabras, a Xunta apoiará a iniciativa “porque será útil para o sector das tecnoloxías, para a cidade e para Galicia”.
Como lembraremos, o proxecto da Cidade das TIC colleu impulso en 2019, da man da UDC en colaboración co Clúster TIC, que viron nas instalacións da Fábrica de Armas (arestora en desuso) e na súa privilexiada situación unha gran oportunidade para acubillar e impulsar a actividade das nosas empresas do eido tecnolóxico-dixital, un sector de gran proxección na Coruña e na súa área metropolitana e que en repetidas ocasións mostrou a necesidade de dispoñer de novos espazos para ampliar instalacións e desenvolver novos servizos.
A Cidade estaría emprazada nunha infraestrutura singular na que convivirían as empresas, a Universidade da Coruña e os centros tecnolóxicos asociados para xerar sinerxías e converter A Coruña e Galicia nun polo de innovación TIC con visión internacional. A súa situación, preto do Campus de Elviña, facilitaria a conexión e a colaboración con centros de Santiago, Vigo e o polo aeronáutico de Lugo.

PUBLICIDADE