Femxa e APD poñen en marcha un portal para que os directivos accedan de contado a formación de valor
mércores, 22 de maio do 2013
O Grupo Femxa informa
dende a súa sede de Vigo dunha nova iniciativa web para facilitar a
formación e a achega de habilidades aos nosos directivos,
fornecéndoos en liña dos coñecementos específicos que precisan. O
portal en cuestión, visiondirectiva.apd.es,
é froito dun acordo de colaboración formalizado entre Femxa e a
Asociación para o Progreso da Dirección (APD), un acordo que xurdiu
co de que os empresarios e altos cargos de todo o Estado poidan
conseguir de maneira rápida e cómoda as capacidades que demandan
para acadar o éxito nos seus negocios. Baséase polo tanto en algo
tan simple e á vez fundamental como achegar formación
especializada.
Segundo explica Patricia
Garcia, socia directora do Grupo Femxa, “a falta de
formación en áreas específicas xa non pode ser a causa do peche
dunha empresa, coa consecuente perda de postos de traballo e todo o
que iso implica, cómpre que asumamos as nosas
propias responsabilidades neste contexto de crise e que
vexamos que hai empresas que son quen de sobrevivir a ela, mesmo
aproveitando oportunidades que outras non ven, e en todas elas
repítese o mesmo patrón: están compostas por equipos ben
artellados de persoas altamente capacitadas”. Polo
tanto, a devandita web diríxese tamén a alentar ás iniciativas
arestora en marcha, en aparencia con tantas cousas (produtivas,
económicas, sociais) en contra. Para Femxa e APD, a formación
tradicional non é válida xa. “O
directivo”,
explica García, “necesita acceder aos recursos
formativos que precise en cada intre en base aos seus
intereses particulares, é dicir: mellorar os seus coñecementos no
mellor tempo posible”.