Ferroltera converterá o Camiño Inglés nun percorrido intelixente
xoves, 3 de agosto do 2023
O
Consistorio de Ferrol informou da resolución
da Secretaría de Estado de Turismo do pasado 6 de xullo que propón
ao Concello
como beneficiario da axuda en forma de subvención a fondo perdido
por un importe de 265.500 euros para
a transformación dixital e modernización do Camiño Inglés, dun
total de 908.900 euros concedidos.
Para
executar a axuda de concellos do Camiño Inglés é obrigatorio
formar parte da rede de destinos turísticos intelixentes. A
concelleira de Turismo e Patrimonio, Maica García, revelou que “os
municipios de Ferrol, Neda, Cabañas, Pontedeume, Miño e Betanzos
estamos traballando na axuda concedida para converter esta ruta nun
camiño familiar, intelixente e inclusivo”.
Coa
subvención, que sufraga o 100% das actuacións previstas, poderanse
instalar paneis informativos intelixentes e accesíbeis, crear zonas
de acceso Wi-Fi e recarga, dotar de ferramentas dixitais para a
difusión da oferta turística das localidades (oficina de turismo
intelixentes), establecer unha sinaléctica intelixente e accesíbel
e deseño da aplicación móbil do Camiño Inglés.
Tamén
está previsto o deseño e construción dun modelo de zona de
descanso familiar e a realización de campañas de divulgación e
coidado do Camiño, entre outras moitas medidas. “Prevalecerá a
uniformidade da imaxe e elementos, tanto a nivel estético como
operativo e funcional”, asegurou a concelleira.