Fillos.org, rede pioneira da Internet galega, anuncia oficialmente a súa disolución
luns, 1 de decembro do 2025
Fillos.org, en palabras do seus creadores “a primeira rede social para galegos de todo o mundo”, anunciou oficialmente a súa disolución logo de tres décadas achegando servizos de “centro galego virtual” e de iniciativa pioneira da nosa Internet. O peche de Fillos.org, que chega tras varios anos de inactividade, foi acordado este pasado verán en asemblea online polos socios da asociación cultural responsable da plataforma, ante “a falta de recursos económicos e humanos para revivir o proxecto”.
Agora veñen de inscribir esta baixa ante o Rexistro Nacional de Asociacións e de presentar o resultado da comisión liquidadora, que decidiu poñer en mans doutra asociación a preservación dun importante legado conformado principalmente por diversos nomes de dominio, “que serán salvados da usurpación por preeiros de dominios, e que seguirán levando por tempo indefinido a unha copia estática dos seus principais sitios web”, informaron.
Entre estes recursos web atópase o blog do Atopadoiro, onde segundo lembran dende a asociación, “pódense consultar os reencontros producidos grazas a este servizo que puxera en marcha a entidade e que anos despois copiaría a propia Xunta de Galicia como ferramenta online para atopar familias desconectadas polo feito migratorio”.
Ou, tamén, a Biblioteca de Fillos de Galicia, con centros de artigos publicados sobre cultura galega, incluíndo receitas gastronómicas conservadas e difundidas desde a emigración, artigos para a difusión da lingua galega entre os descendentes dos emigrantes ou a sección Fillos de sona, a nutrida relación de persoeiros de orixe galega que foron compilando ao longo destes anos.
A comunidade virtual tamén fora pioneira do net-art galego cunha experiencia de crodwfunding chamada A Parcelaria, na que vendían parceliñas dun mapa de Galiza para obteren fondos, ou no streaming de música galega con Radio Aturuxo, en 2007.
Tamén destacaron iniciativas como a escolma de onomástica galega na Rede, que comezara 22 anos antes de que a Real Academia lanzase a súa, e que rematou ofrecéndose en NomesGalegos.info, e o ETiQueTal, unha plataforma para mocear en galego, que se adiantou cinco anos á aparición de Tinder.
Tamén tivo eco na Rede e nos medios galegos a súa creación dunha bandeira para representar a “Nación Mundial Galega", un concepto de nación cultural non vencellada ao territorio e que proclamaron en marzo de 2007.
A asociación tamén realizou un destacado esforzo de divulgación da literatura galega achegando varios títulos autopublicados aos seus membros (sobre poesía, onomástica ou gastronomía), así como centos de libros de temática ou lingua galega que “enviamos a calquera curruncho do mundo onde vivise un fillo de Galicia, dentro da nosa campaña Un libro galego para os fillos que están lonxe", lembran, engadindo que “todas estas iniciativas mereceron unha presenza frecuente nos medios de comunicación galegos, tanto na Rede como fóra dela, nos anos máis activos da asociación”.
No post de despedida publicado na súa web principal, Fillos.org, non esqueceron criticar “a escasa axuda recibida das administracións durante a súa longa traxectoria, ateigada de dificultades, e na que estiveron a piques de morrer de éxito en varias ocasións, pero con todo a iniciativa puido continuar adiante grazas a un incansablel voluntariado e ao apoio esporádico de mecenas privados”.
E sinalan: “Mais os tempos mudan, as comunidades virtuais temáticas entraron en declive coa irrupción das chamadas redes sociais como Facebook, e os recursos económicos e a enerxía persoal, coa retirada do apoio da Xunta de Galicia tras o fin do goberno bipartito, remataron por esgotarse ou non atopar relevo”.
Na devandita despedida, a derradeira xunta directiva agradece aos máis de sete milleiros de usuarios que chegou a ter o portal Fillos.org a súa participación e achegas para construír “un pedazo da historia da Internet galega que”, sinalan, “deixou pegada imborrable en forma de amizades, identidades e nacionalidades recuperadas, así como ducias de familias que se volveron atopar tras décadas de separación”.
