Francisco Bellas (CITIC) mostrará en Vigo como garantir unha IA ética e consciente no eido educativo

martes, 3 de marzo do 2026 S. P.

Francisco Bellas no CITIC da UDC nunha imaxe cedida por Quintana

O catedrático da Universidade da Coruña e investigador do CITIC da UDC, Francisco Bellas, falará o vindeiro 17 de marzo de como garantir na educación usos seguros, creativos, sans e conscientes da IA. Farao no auditorio da sede de Afundación en Vigo. A charla, dirixida a escolares, docentes e familias no auditorio da Sede de Afundación en Vigo, desenvolverase baixo o epígrafe IA en educación? Si, pero con cabeza: aprender a usala sen perder o control.
O evento é parte do ciclo Educación Século XXI, o programa da Obra Social de Abanda dedicado á reflexión e a divulgación de coñecemento para a comunidade escolar. O 17 de marzo, Francisco Bellas manterá a las 11.00 h un encontro con escolares e docentes de Vigo e a súa área de influencia. Xa pola tarde, ás 19 horas, impartirá unha conferencia aberta. A asistencia é de balde previo rexistro en Ataquilla.com.
Francisco Bellas é catedrático en Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información e investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC. Dende hai 25 anos, investiga a aplicación da IA a diferentes ámbitos da enxeñería ademais de impartir materias relacionadas coa aprendizaxe automática e a robótica autónoma. Autor de máis de 40 artigos publicados en revistas indexadas e de máis de 100 contribucións a congresos internacionais e capítulos de libro, nos últimos anos focaliza os seus estudos en eidos relacionados educación. Asesora sobre alfabetización en IA a institucións coma a Xunta, o Consello de Europa, a UNESCO ou a Universidade de Catar.
Lonxe de prohibicións
Nos seus encontros coa comunidade educativa na Sede de Afundación en Vigo, Francisco Bellas proporá a alfabetización en intelixencia artificial como “a chave para un uso responsable, crítico e consciente das novas ferramentas dixitais”.
Disertará sobre cuestións como que se pode e que non se pode facer co IA, cales son os seus riscos, ou como utilizala sen delegar o pensamento nin a aprendizaxe.
Defende Francisco Bellas que “lonxe de prohibicións ou medos, cómpre formar usuarios capaces de tomar decisións informadas, manter o control sobre a tecnoloxía e aproveitala como apoio á aprendizaxe, non coma ferramenta de substitución”.
Logo de 25 anos traballando con esta tecnoloxía, o conferenciante cre que “a sociedade, e tamén a comunidade educativa, están nunha fase de transición, de adaptación a este tipo de computación”. Así o explica con frecuencia nas súas disertacións.
Nun encontro celebrado o pasado ano con estudantes de secundaria en Santiago de Compostela, referíase aos beneficios que pode traer a IA. Pero tamén aos seus riscos: “O principal perigo é que a IA faga as cousas que tedes que facer vós”, sinalaba, ao tempo que defendeu a formación nesta tecnoloxía, tanto do alumnado como do profesorado, para aproveitar as súas vantaxes.
A conferencia de Francisco Bellas é unha das tres programadas neste semestre polo ciclo Educación Século XXI. Todas versan sobre os retos que supón a irrupción da IA en relación cos menores, a súa a utilidade e os seus riscos como ferramenta educativa, e os retos que formula coma fenómeno social.