Francisco Bellas (CITIC) reivindica na UNESCO unha IA transparente para a educación

mércores, 10 de setembro do 2025 S. P.

O investigador do CITIC da Universidade da Coruña Francisco Bellas presentou a semana pasada en París as conclusións do informe europeo Explainable AI in Education, no marco do encontro internacional Digital Learning Week 2025, organizado pola UNESCO.
O documento, publicado pola Oficina de Publicacións da Unión Europea, aborda o potencial da IA explicable no ámbito educativo e ofrece un conxunto de recomendacións para o seu desenvolvemento e aplicación orientadas aos principais implicados: políticos, educadores e desenvolvedores. O seu obxectivo é “garantir que a aplicación destas tecnoloxías sexa realizada baixo principios de transparencia, ética e confianza, permitindo que profesorado e alumnado comprendan como funcionan os sistemas de IA que cada vez teñen maior presenza na educación”.
Nunha sesión compartida coa investigadora Lidija Kralj, coautora do informe, Bellas destacou que “crear unha IA transparente, xusta e centrada nas persoas para a educación significa crear sistemas que non só sexan tecnicamente fiables, senón tamén axeitados ao contexto, conformes coa lexislación e eficaces desde o punto de vista pedagóxico.”
O informe subliña que a falta de explicabilidade nos sistemas de IA “pode limitar a súa adopción no ámbito educativo, xa que xera dúbidas sobre a validez dos resultados, os posibles nesgos e a protección dos dereitos do alumnado”. Por esta razón, propón un marco de actuación que combine innovación tecnolóxica, formación do profesorado e criterios regulamentarios claros.
A Semana da Aprendizaxe Dixital 2025, celebrada do 2 ao 5 de setembro na sede da UNESCO en París, abordou os impactos da IA na educación, destacando tanto o seu potencial transformador como os dilemas que presenta. Baixo o lema A IA e o futuro da educación: disrupcións, dilemas e direccións, o encontro analizouse como a Intelixencia Artificial está a remodelar pedagoxías, currículos e formas de gobernanza, ao tempo que xera debates sobre equidade, ética, vixilancia dixital e responsabilidade humana na toma de decisións. O evento buscou orientar os sistemas educativos cara a unha integración da IA que sexa equitativa, ética e centrada nas persoas, co fin de asegurar que a tecnoloxía impulse un progreso inclusivo no ámbito educativo.