GAIN fai un chamamento ao noso tecido investigador para loitar contra o COVID-19

luns, 23 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

JPEG - 96.6 KB
Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) vén de lanzar un chamamento para identificar todas as capacidades do Sistema Galego de Innovación na loita contra o novo coronavirus. A proclama, que busca dar respostas específicas do noso tecido de I+D+i en relación á loita contra a proliferación do COVID-19, estase a materializar a través dun formulario web habilitado na páxina de GAIN, e está dirixida a empresas ou centros de coñecemento que dispoñan de solucións innovadoras maduras que axuden a loitar contra o espallamento da infección.
A consulta sobre as capacidades do Sistema Galego de Innovación permitirá que as contribucións achadas poidan aplicarse nun prazo de tempo moi curso en ámbitos como por exemplo novos dispositivos de intervención ou tratamento; solucións innovadoras para fabricación de ventiladores invasivos; equipos de protección individuais ou colectivos (máscaras, cortinas, traxes, gorros, luvas...); detección e destrución do virus, sistemas de desinfección masivos…
En palabras de GAIN, “trátase de achegar solucións innovadoras que poidan ser útiles ás autoridades sanitarias para loitar contra o coronavirus”. A Axencia Galega de Innovación realizará un filtro das propostas que se reciban e achegará financiamento para as que resulten de interese. O prazo límite para achegar as solucións innovadoras é o venres 27 de marzo.

PUBLICIDADE