Galicia Open Future lanza os seus retos 4.0 no Campus de Ourense

mércores, 7 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

A Escola de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense serviu de escenario esta terza feira (martes) para a presentación do centro de crowdworking e innovación Galicia Open Future de Telefónica. Retos Industria 4.0. Trátase, para quen non o saiba, da cuarta edición de Galicia Open Future, a palestra de proxectos posta en marcha pola operadora e AMTEGA na Cidade da Cultura pero (esta cuarta entrega) cunha marcada vontade de atender os principais desafíos smart da nosa industria e propiciar que abrollen respostas concretas para os mesmos da man das nosas novas firmas de alicerce tecnolóxico. Os primeiros retos de innovación aberta foron lanzados por FINSA e o Grupo Nova Pescanova, tal e como sinalamos os días pasados dende Código Cero e tal e como se volveu subliñar onte no Campus de Ourense, onde tamén se salientou que a convocatoria está aberta por vez primeira á concorrencia das universidades.
María del Carmen López, directora do Galicia Open Future de Telefónica, foi a encargada de explicar a iniciativa aos asistentes. A cuarta edición de GOF, lembrou, “trouxo un cambio de formato, apostando por un novo modelo que busca dirixir o talento emprendedor cara á resolución de problemas concretos da industria galega”. Nesta nova versión, Telefónica, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), propón a grandes empresas tractoras galegas que lancen publicamente un total de seis retos reais de negocio, baixo un modelo de innovación aberta.
Nun plano máis detallado, a proposta de FINSA tenta responder á seguinte pregunta: Como poden as novas tecnoloxías dotar ao sector da madeira de capacidades dixitais para ofrecer aos seus clientes un mobiliario máis intelixente? O obxectivo da empresa con sede en Santiago é fornecer aos seus clientes finais dunha plataforma de software que permita acceder aos elementos de sensórica instalados nos seus produtos (taboleiros de madeira, chans laminados ou compoñentes para móbeis) e executar accións para “crear hábitats intelixentes”. FINSA expón este reto para desenvolver tamén unha plataforma que almacene datos de uso dos produtos para poder obter así un histórico que permita facelos evolucionar, e a súa idea é que sexa unha plataforma aberta a todos os fabricantes para crear no futuro un ecosistema do que tiren proveito múltiples axentes do sector. Por último, busca que o sistema cumpra con criterios de seguridade óptimos, “para lograr a confianza do cliente final neste tipo de produtos”, sinala a compañía.
Pola súa banda, o Grupo Nova Pescanova lanza o seguinte reto: Como podemos modelar os datos recolleitos nos sucesivos ciclos de cría do lagostino para predicir e corrixir, no seu caso, comportamentos e optimizar a toma de decisións presentes e futuras? Para o Grupo Nova Pescanova, que dispón de máis de 1.000 piscinas para cría de lagostino situadas en distintas partes do mundo, a eficiencia óptima deste cultivo extensivo é un reto a conseguir, debido á influencia de múltiples factores como o clima, as condicións e a densidade da sementeira ou a dosificación do alimento, entre outros, polo que busca dispor, nas súas palabras, “dun modelo de análise de predición que faga realidade anticipar comportamentos e dispor de curvas esperadas de supervivencia, medre e rendibilidade”. O obxectivo final deste reto é “incorporar ao cultivo de lagostino un método de autoaprendizaxe en función de decisións e resultados, de forma que nunha fase posterior a produción esta o máis preto posible da súa rendibilidade óptima”.


Galicia Open Future inaugura desta maneira a súa primeira fase de lanzamento de retos coa participación de dúas empresas galegas de referencia, e líderes nos seus respectivos sectores. Ás propostas poderán presentarse startups, PEME, centros tecnolóxicos, universidades e emprendedores. Seleccionarase a un gañador por cada desafío, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa empresa tractora, e tres finalistas. O gañador terá unha axuda da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como o tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola axencia AMTEGA.