Galvintec estará presente no pavillón de España no Mobile World Congress 2024
xoves, 14 de decembro do 2023
Red.es,
entidade pública adscrita ao Ministerio de Transformación Dixital a
través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia
artificial, fixo
oficial os días pasados a listaxe das 45 pemes tecnolóxicas
nacionais que integrarán o Pavillón de España no próximo MWC
Barcelona 2024, que terá lugar entre o 26 e o 29 de febreiro en
Fira Gran Vía Barcelona. Entre elas, como
anunciamos hai uns días dende Código Cero, figura unha única
empresa galega: Voltfer, a división de enerxías renovables de
Galvintec - Grupo Alvariño.
Neste
evento, en palabras do grupo “o máis relevante a nivel mundial
para o sector dixital”, a firma do Grupo Alvariño presentará dous
desenvolvementos punteiros: Moodular, unha plataforma 4.0 para a
xestión integral de comercio electrónico, e Duel, unha plataforma
na nube para a organización e xestión de torneos de eSports.
Segundo
informou o grupo galego, Moodular é “un produto altamente
innovador que permite dar resposta aos maiores desafíos do comercio
na canle online, así como á súa integración co comercio
físico, que deben ser xestionados de maneira eficiente para garantir
o éxito do negocio: a boa xestión do inventario, a sincronización
cos marketplaces, a xestión dos pedidos e pagos en tempo
real, e a optimización da loxística”. Moodular, engade a
compañía, constitúe unha plataforma baseada na nube que inclúe
solucións de comercio electrónico nativas, módulos específicos
para a sincronización cos marketplaces e unha solución de
Software de Xestión de Almacéns (SGA) de última xeración para a
optimización da loxística. “Ao proporcionar solucións de
ecommerce nativas e nunha soa plataforma, con Moodular as
empresas poden evitar a necesidade de adquirir e configurar solucións
de terceiros, aforrando tempo e reducindo o custo da xestión da súa
canle dixital, e permitindo ademais personalizar estas solucións á
medida da empresa”, explica Manuel Balseiro, director da área TIC
do Grupo Alvariño.
O
segundo desenvolvemento co que acode Galvintec ao MWC Barcelona 2024
é Duel. Trátase dunha plataforma de eSports baseada na nube
que permite crear, administrar e organizar torneos de videoxogos de
forma rápida e sinxela, e compartir partidas e torneos con outros
xogadores, mellorando a experiencia dos usuarios. Ademais, explica o
grupo galego, “proporciona unha funcionalidade nova neste ámbito,
permitindo que o torneo se desenvolva en base a unhas regras
predefinidas e poida ter unha divulgación exponencial grazas á
participación de casters e streamers que poden
retransmitir en tempo real as partidas nas súas canles habituais
(Discord, Twitch…)”.