Game Informer adianta multitude de detalles do Grand Theft Auto V

xoves, 8 de novembro do 2012 Marcus Fernández

A revista Game Informer vén de publicar o seu número de decembro, que xa pode descargarse en formato dixital, o que tivo bastante relevancia na Rede porque o exemplar desvela numerosos detalles sobre o xogo Grand Theft Auto V, entre os que destaca o feito de que o mundo do novo título de Rockstar será maior que os de Red Dead Redemption, GTA: San Andreas e Grand Theft Auto IV xuntos, o que agradecerán os afeccionados aos títulos tipo sandbox que gocen da liberdade que ofrece o xénero.
O xogo chegará na primavera de 2013 a Xbox 360 e PlayStation 3, e entre os detalles que se deron a coñecer nas últimas hora están que terá 3 protagonistas principais (Michael, Trevor e Franklin) que colaborarán nalgunhas misións (podendo controlar a un ou outro en función do que desexemos facer); cada personaxe terá a súa personalidade, grupo de habilidades e grupo de amigos co que relacionarse; os personaxes tamén terán cadanseu pasatempo único; a historia está ambientada no mesmo mundo de GTA IV e Liberty City de xeito que será posible cruzarse con personaxes secundarios deses xogos; contará con misións dinámicas (na liña de Red Dead Redemption), carecerá de romances; terá economía pero non permitira mercar propiedades; contará cun sistema de combates corpo a corpo mellorado e presentará un mundo máis vivo que nunca (nubes que se moven, cadelos que ladran canto de achegas ao xardín no que están...). En definitiva, unha revolución que incrementará a expectación ao redor deste título que aspira a ser o lanzamento máis importante de 2013.

A portada da Game Informer amosa aos protagonistas de GTA V</Em>
Cada personaxe terá as súas habilidades

PUBLICIDADE