Gato Salvaje ficha a un popular guionista de comics para completar a súa primeira aventura gráfica

mércores, 24 de abril do 2013 Marcus Fernández

Imaxe da versión para iPhone de AR-K

O estudio independente coruñés Gato Salvaje, especializado na creación de aventuras gráficas para PC, que hai pouco deu o salto a dispositivos móbiles estreando o primeiro capítulo do seu xogo AR-K na App Store, e que agora está embarcado nunha empresa para que a súa primeira produción poida completarse con éxito, reto moi difícil de conseguir sen o apoio de grandes editores, de aí que optasen pola plataforma de micromecenado Kickstarter para buscar financiamento para completar os 4 capítulos que comporán AR-K.

Ash Sroka porá voz á protagonista de AR-K na súa versión en inglés

Non é a primeira vez que Gato Salvaje recorre a esta vía para captar fondos, pero o seu fracaso anterior ensinoulles o complicado que é captar a atención do público internacional cara a proxectos como o seu, e para facer máis apetecible o investimento na súa aventura gráfica decidiron facer un par de fichaxes de peso para os seus novos capítulos, de xeito que para os episodios 3 e 4 de AR-K van contar co guionista de comics Greg Rucka e coa dobradora (na versión en inglés do xogo) Ash Sroka (quen puxera voz a Tali’Zorah vas Normandy na triloxía Mass Effect).

O guionista de comics Greg Rucka escribirá os capítulos 3 e 4 de AR-K

Rucka pola súa banda é un autor moi recoñecido nos EE.UU., con 4 premios Eisner e obras recoñecidas como a novela gráfica Whiteout (levada ao cine en 2009) e comics de grandes editoriais como DC e Marvel (nas que traballou en coleccións como Action Comics, Adventures of Superman, Batman, Gotham Central, Supergirl, Wonder Woman, Black Widow, Daredevil, Punisher, Spider-Man e Wolverine, entre outros) e mesmo compañías máis pequenas como Oni Press, Top Cow e Dark Horse. Tamén cómpre salientar que ten experiencia no mundo dos videoxogos, pois en 2007 escribiu a historia do xogo de PSP Syphon Filter: Logan’s Shadow.
Agora que o proxecto de Gato Salvaje veuse reforzado, atrévense a facer un segundo intento en Kickstarter, buscando xuntar 100.000 dólares para financiar o desenvolvemento do que resta de AR-K, historia point and click clásica que ofrece actualmente o seu primeiro capítulo de balde (descargable tanto para PC como para iOS) para contribuír a dar a coñecer o proxecto de micromecenado que non só busca completar o xogo, senón tamén a localizalo a máis linguas e mellorar o seu acabado. O segundo capítulo da historia xa está case rematado e os episodios 3 e 4 están a escribirse neste momento.
Para contribuír a este proxecto pódense facer achegas dende 5 dólares, mentres que por 20 dólares pode mercarse o xogo completo, e por cantidades superiores será posible facerse con numerosas recompensas como edicións físicas do xogo, camisetas e incluso a posibilidade de aparecer como personaxe dos novos capítulos do xogo.


Vídeo de presentación do novo proxecto en Kickstarter de Gato Salvaje

PUBLICIDADE