Google Maps tirará proveito da realidade aumentada para guiarnos

luns, 11 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Dende Google levan meses probando unha nova funcionalidade do seu servizo de mapas realmente interesante: a incorporación da realidade aumentada á súa aplicación móbil. Teriamos así unha experiencia de guía de navegación semellante á que pretendían ofrecer as Google Glass, pero sen ter que levar lentes, xa que poderiamos mesturar a imaxe captada pola cámara do móbil coas indicacións de dirección, e para facernos unha boa idea de como é esta prestación, podemos ver un adianto publicado nun vídeo no The Wall Street Journal.
Esta tecnoloxía tira proveito do GPS do móbil e, para afinar onde estamos aprovéitase a información de Google Street View, o que permite que poidan presentarse en pantalla frechas indicándonos cara onde temos que dirixirnos para atopar o local que esteamos a buscar.
Non estamos ante unha tecnoloxía pensada nun uso constante (xa que tería un impacto moi grande na batería do móbil) pero podería ser moi interesante para momentos puntuais, como para cando saímos dunha estación de metro e queremos saber cara onde dirixirnos sen ter referencias visuais previas.
Esta sería unha boa ferramenta para a localización de establecementos comerciais, aínda que polo momento non sabemos cando chegará a todo o mundo (neste momento está en probas ante un grupo selecto de usuarios), xa que dende Google non queren abrila a todos os usuarios até que estean satisfeitos co ela.

PUBLICIDADE