Google prepara unha importante rebaixa de comisións na súa tenda de aplicacións para Android

xoves, 5 de marzo do 2026 Redacción

Google anunciou unha mudanza relevante no funcionamento da súa tenda de aplicacións para Android que supón, na práctica, o final do histórico modelo de comisións do 30 %. A compañía decidiu aplicar xa parte das medidas pactadas con Epic Games nun acordo aínda pendente de validación xudicial nos Estados Unidos, iniciando unha reforma progresiva do sistema de taxas e abrindo a porta a novas tendas de aplicacións de terceiros no ecosistema Android. Como consecuencia da nova política confíase en que Fortnite volva á tenda de aplicacións de Google para Android.
Segundo a folla de ruta presentada por Google, a compañía de Mountain View reducirá as comisións da súa tenda ata o 20 % ou menos en Estados Unidos, Reino Unido e o Espazo Económico Europeo antes do 30 de xuño. Este cambio supón unha rebaixa significativa respecto do 30 % tradicional que durante anos aplicaron tanto Google como Apple nas súas plataformas móbiles.
O novo esquema distingue entre distintas taxas. Por unha banda, introdúcense comisións separadas para servizos da plataforma e para o sistema de facturación de Google Play. Ademais, os desenvolvedores poderán ofrecer sistemas de pagamento propios dentro das aplicacións, algo que ata agora estaba fortemente restrinxido.
A pesar da redución xeral, Google manterá unha comisión do 25 % en determinados escenarios, como cando un usuario paga por contidos dentro dunha aplicación xa adquirida. Tamén poderá aplicar taxas adicionais —entre 2 e 4 dólares ou arredor dun 20 %— cando un usuario acceda desde Google Play a compras ou descargas realizadas fóra da tenda.

Apertura a tendas alternativas

Outro dos cambios máis relevantes é a creación do programa denominado Registered App Stores, pensado para facilitar a instalación de tendas de aplicacións alternativas directamente desde a web. A medida permitirá que plataformas como Epic Games Store poidan instalarse nos dispositivos Android con menos fricción que ata agora.
Estas tendas rexistradas deberán cumprir unha serie de requisitos técnicos e de seguridade, entre eles respectar os dereitos de propiedade intelectual, evitar a distribución de software malicioso, ofrecer controis paternos e aceptar desenvolvedores terceiros que cumpran os criterios de Android.
Google asegura que non cobrará comisións polas transaccións realizadas dentro destas tendas. Só se aplicará unha pequena taxa única —de centos de dólares— para revisar e rexistrar a tenda no sistema. A compañía realizará análises de malware nas aplicacións, pero non revisará o contido das mesmas.
O calendario de despregadura prevé a introdución destas medidas nos principais mercados ao longo de 2026 e 2027. Tras a súa chegada inicial aos Estados Unidos, Reino Unido e Europa, as novidades expandiranse a Australia en setembro de 2026, a Corea do Sur e Xapón antes de finalizar o ano e ao resto do mundo antes do 30 de setembro de 2027.
A reforma anunciada por Google podería alterar de forma significativa o equilibrio do mercado das aplicacións móbiles. Ao reducir as comisións e permitir a existencia de tendas alternativas con menos restricións, Android podería evolucionar cara a un ecosistema máis aberto e competitivo.
Con todo, o impacto real das medidas dependerá de como se implementen na práctica e de se os desenvolvedores e novos operadores de tendas deciden aproveitar as oportunidades abertas por esta nova etapa do ecosistema Android.