Google quere potenciar a interacción a través do correo electrónico

martes, 13 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Definitivamente a tecnoloxía AMP de Google quere ir máis aló da aceleración da carga de novas dende o móbil, e tras anunciar as historias AMP, agora anticipan unha versión das Accelerated Mobile Pages (AMP) para o correo electrónico, de xeito que Google publica un framework de código aberto que hoxe ábrese de xeito preliminar a desenvolvedores e que permitirá crear experiencias por correo electrónico que inclúan interacción.
Deste xeito será posible efectuar accións sinxelas dende as propias mensaxes de correo electrónico (cando menos se temos unha conta de Gmail, aínda que ao ser unha especificación aberta confían en que outras plataformas adopten esta tecnoloxía) o que permitirá responder a un convite, programar unha cita ou completar un formulario sen saír do cliente de correo electrónico.
Os compoñentes AMP que poderán incluírse nas mensaxes de correo electrónico serán carruseis, acordeóns e formularios, entre outros, de xeito que os correos electrónicos xa non serán elementos pasivos e desfasados, podendo amosar sempre información actualizada, o que podería ser de grande utilidade para numerosos servizos de compra de entradas, reservas de voos, seguimento de envíos, comercio electrónico... Queda agora en mans dos desenvolvedores tirar proveito desta tecnoloxía con moito potencial, especialmente se pasa a ser adoptada rapidamente polos servizos de correo electrónico de Yahoo e Microsoft (xa que, de limitarse a Gmail podería ser complicada a súa implantación de xeito xeral).

PUBLICIDADE