Gradiant achega o seu apoio ás empresas que queiran participar na nova edición de Conecta PEME

martes, 14 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) vén de facer pública no Diario Oficial de Galicia (en formato PDF) unha nova edición do programa Conecta PEME para este ano 2014, unha prolongación da primeira entrega de incentivos desenvolvida en 2013, e un espallamento no abano de obxectivos. Esta convocatoria, como soe acontecer neste tipo de achegas, presenta como requisito imprescindible para as empresas que queiran participar dos seus incentivos o feito de contaren co apoio dos organismos de investigación galegos. Ao fío disto, e tendo en conta as oportunidades que Conecta PEME presenta para favorecer a competitividade e apoiar proxectos de I+D, o centro Gradiant vén de ofrecer unha vez máis a súa colaboración para as PEME aspirantes.
Segundo informa Gradiant, Conecta PEME fomenta a agrupación empresarial a través de proxectos de Investigación e Desenvolvemento en áreas consideradas estratéxicas para a nosa terra, como o eido tecnolóxico-dixital ou a eSaúde, “eidos onde Gradiant é un referente a nivel internacional e, polo tanto, un socio perfecto”. Asemade, o centro galego lembra que ten tecnoloxías presentes xa nos principais mercados mundiais.
Asemade, no seu ofrecemento ás PEME galegas (ás que anima a tirar partido do seu potencial), recorda que ten en persoal 90 profesionais da I+D con ampla experiencia e liderado neste tipo de proxectos e convocatorias. “Disto”, engade, “dan fe os nosos éxitos nos programas do Sétimo Programa Marco (7th Framework Programme), en Horizon2020 a nivel europeo, nos FEDER Innterconecta a nivel estatal, ou na primeira edición de Conecta PEME en Galicia”.