Entre as tecnoloxías que vai amosar o centro galego Gradiant na quinta edición do salón HomSec atópase un sistema que xa avanzamos dende Código Cero salientando que se dirixe a permitir o desenvolvemento de operacións de busca en bases de datos cifradas, o que podería ser o alicerce para a detección eficaz de posibles terroristas nas informacións dos rexistros dos voos comerciais, entendéndose por detección eficaz non só a máis rápida, axeitada e que menos rebumbio xere, senón tamén a que menos prexudique o dereito á privacidade dos viaxeiros. O sistema en cuestión acaeríalle coma unha luva á Unión Europea, que precisamente está interesada en implantar tecnoloxías que garantan e aseguren a localización de terroristas nos voos ao tempo que se provocan as mínimas molestias ao resto dos pasaxeiros.
A tecnoloxía vén da man de Gradiant (que deseñou o prototipo) e a Universidade de Vigo. A través dela, as compañías de voos poderían subministrar unha listaxe de pasaxeiros cifrada ás autoridades policiais e ás administracións competentes. Estas poderían verificar de xeito rápido e eficaz se un posible terrorista (alguén xa fichado) está incluído na listaxe. O resto dos datos, a información relativa ao común dos pasaxeiros, ficaría sen desvelar para as autoridades. Os investigadores de Gradiant responsables deste desenvolvemento contan que a través del garántese o cumprimento de todos os procedementos regulamentarios esixidos, amais do dereito á privacidade dos cidadáns. Segundo fai saber nunha reportaxe de La Voz a experta en seguridade de Gradiant Carmela Troncoso, “unicamente no caso de que exista unha coincidencia entre as dúas listaxes a Policía podería solicitar, tras a pertinente orde xudicial, información cifrada adicional que lle permitiría chegar ata o nome de persoas sospeitosas”. Por certo que o cifrado dos rexistros que terían as compañías e a Policía sería distinto e estaría refacéndose de continuo para cada viaxe.
Gradiant amosará en HomSec a súa contribución para unha listaxe de pasaxeiros de voo que garanta a privacidade
Compartir Este Artigo
