Gradiant e Elogia botan man de Twitter para calcular o once ideal de Brasil 2014

mércores, 2 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

O centro tecnolóxico Gradiant está a ampliar as súas investigacións en redes sociais como recursos informativos e comunicativos de primeira orde acerca de grandes acontecementos deportivos. Como lembraremos, esta liña de traballo abrangueu os días pasados un interesante e pormenorizado estudo sobre o papel que xogaría Twitter na final da Champions en Lisboa, e agora a liña de investigación volve estar de actualidade por aplicar semellantes obxectivos no Mundial de Fútbol de Brasil. Do que se trata agora é de calcular o once ideal do campionato en base ao publicado polos seareiros de Twitter. A iniciativa vén da man de Gradiant e tamén da axencia de mercadotecnia en liña Elogia.
O estudo chámase O Outro Mundial e é un proxecto web que emprega unha innovadora ferramenta de análise de publicacións nas redes sociais en tempo real, e que permite calcular de forma automática e non supervisada estatísticas sobre o máis comentado do Mundial de Brasil 2014. Segundo nos conta o galego Rubén Bastón, responsable da axencia Elogia, a ferramenta que se emprega nesta iniciativa (unha ferramenta de análise en tempo real de publicacións en redes sociais) “posibilita avaliar os chíos relativos ao Mundial de Fútbol, e clasificalos en grupos segundo a mensaxe completa, non só polas súas etiquetas ou keywords, como acontece con outras solucións de seguimento en redes sociais”. Unha vez que se xeran dende o Twitter importantes cantidades de datos sobre as seleccións e xogadores O Outro Mundial calcula estatísticas inmediatas sobre o máis comentado do evento futbolístico, de maneira automática e non supervisada.
Neste proxecto colaborativo de I+D, baseado nunha tecnoloxía desenvolvida con fondos FEDER, inclúense importantes avances en tecnoloxías big data, procesamento de linguaxe humana e análise de opinión, enfocadas a extraer coñecemento das redes sociais. Por certo que O Outro Mundial conta cun microsite interactivo, actualizado en tempo real, que permite aos seus visitantes descubrir cal é o top 10 de porteiros, defensas, centrocampistas, dianteiros e de seleccións do día, ou visualizar o total desde o inicio da competición. Asemade, posibilita coñecer cal é a aliñación ideal dos usuarios de Twitter, creada cos futbolistas máis comentados do Mundial 2014, e visualizar os chíos analizados pola ferramenta.