Gradiant reúne en Vigo a expertos internacionais en tecnoloxías cuánticas

martes, 25 de novembro do 2025 S. P.

Gradiant, centro tecnolóxico galego referente no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), celebrou con éxito o Workshop Quantum Technologies, encontro internacional que tivo lugar no Auditorio Mar de Vigo e reuniu especialistas, empresas e centros de investigación para debater sobre os últimos avances en tecnoloxías cuánticas, a súa repercusión na industria e na sociedade mediante aplicacións concretas e os desafíos que expón a súa implantación.
Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant e encargado da apertura institucional xunto a Sabela Pardo, directora de Programas de Innovación na Axencia Galega de Innovación (GAIN), destacou a importancia de “seguir impulsando o coñecemento sobre as tecnoloxías cuánticas e as súas aplicacións” e subliñou o alto nivel do panel de relatores, o cal gozou dun claro carácter internacional.
Durante dúas xornadas, especialistas nacionais e internacionais analizaron a situación actual da computación cuántica, a sensórica cuántica e as comunicacións cuánticas, en palabras de Gradiant “tres ámbitos estratéxicos que definirán o desenvolvemento tecnolóxico nos vindeiros anos”.
A través de conferencias, debates e sesións prácticas, compartiron casos de uso con aplicación en sectores como o industrial, o aeroespacial e o sanitario, mostrando como a cuántica empeza a xerar valor.
O evento contou tamén con outras figuras internacionais de primeiro nivel que realizaron diversas presentacións técnicas, como Christian Trefzger (European Comission), Davide Bacco, (Università di Firenze, CTO O at QTI SRL), Aleksandra Sierant (ICFO), Jana Nieder (INL), Luís Bugalho, (IST, Universidade de Lisboa), Andrés Gómez Tato (CESGA), Alejandro Borrallo (Fsas Technologies - Fujitsu), José Miralles (Qilimanjaro Quantum Tech), Miguel Ferreira (Gradiant), David Morcuende, xestor de traballo en rede da European Quantum Industry Consortium (QuIC) ou Manuel Gundín Martínez, investigador asociado (ICFO), entre outros.
Un dos momentos máis destacados foi a mesa redonda Quorum, que contou con representantes das entidades socias da alianza Quorum Spain: CESGA, Gradiant, GAIN, QCentroid, Fidesol, e Fsas Technologies Fujitsu. Durante a mesma, analizouse o papel do ecosistema europeo na investigación e desenvolvemento cuántico e destacouse a importancia de impulsar e reforzar o talento nacional a través de programas de desenvolvemento profesional nesta área tecnolóxica.
Outro dos fitos máis relevantes do workshop foi a conferencia inaugural Quantum technologies: origins, current status and prospects, a cargo de Massimo Inguscio, do European Laboratory for Non-linear Spectroscopy (LENS - European Laboratory for Non-Linear Spectroscopy), quen grazas á súa destacada traxectoria ofreceu unha visión única a través da súa conferencia Átomos e tecnoloxías cuánticas.
O Workshop Quantum Technologies, celebrado no Auditorio Mar de Vigo, está enmarcado na iniciativa Quorum Spain e congregou a profesionais da I+D+i, representantes da administración, startups tecnolóxicas e investigadores para reflexionar sobre como as tecnoloxías cuánticas están a redefinir a innovación a nivel global.
Gradiant, organizador do evento, reafirma o seu papel no desenvolvemento e transferencia de tecnoloxías emerxentes con impacto directo na industria.
Quorum é un proxecto subvencionado polo CDTI e financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Os membros son: Gradiant, CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), Fidesol, Fujitsu, GAIN, Itecam e QCentroid.