Gradiant traballa nun proxecto innovador para dotar da seguridade axeitada á sanidade na nube
martes, 5 de marzo do 2013
Tódolos eidos de
actividade en liña deben ir acompañados de medidas que garantan a
privacidade da información dos seus usuarios, pero se cadra hai
algúns onde estas medidas son especialmente necesarias. Por exemplo
o ámbito da saúde. Segundo informa estes días o centro Gradiant,
o sector sanitario ten avanzado moito neste camiño, malia que non
foi doado, pero se cadra fícalle unha materia pendente: avanzar no
camiño da computación na nube. E case con toda probabilidade que
non lle quede máis alternativa que afianzarse nel, posto que se
trata dunha metodoloxía de traballo de ampla proxección e que
podería pór ao seu alcance múltiples vantaxes. Pero claro, está o
tema da seguridade dos datos. Para solucionar estes baleiros,
Gradiant uniu forzas cunha empresa galega, Coremain,
froito do cal xurdiu o proxecto Higea.
En palabras das dúas
entidades, que traballan conxuntamente neste desenvolvemento, esta
iniciativa xorde co obxectivo de crear unha aplicación na nube
orientada á xestión dos datos de valoración dos pacientes que
almacene ese coñecemento de xeito seguro. Esta aplicación conta co
apoio do Ministerio de Economía e Competitividade, que concedeu
recentemente unha axuda económica, baixo o subprograma INNPACTO. Con
este proxecto, Gradiant e Coremain fan “unha clara aposta pola
innovación para contribuír á sustentabilidade do sistema
sanitario, conseguindo non só unha mellora na atención ao paciente
senón unha maior eficiencia nos custos dos servizos e os accesos ás
aplicacións, sen necesidade de telas aloxadas nas infraestruturas do
propio centro sanitario”, explican fontes das dúas entidades.
Higea, que seguirá o
modelo SaaS (Software as a Service) de maneira que o cliente poderá
facer uso das aplicacións que contrate co provedor, diríxese a
cumprir cunha serie de obxectivos tecnolóxicos como son o
almacenamento cifrado e seguro dos datos sanitarios (integrando de
forma flexible bases de datos relacionais e non relacionais, e un
eficiente procesado e acceso aos mesmos, grazas ao emprego de cachés
(locais e na nube) e ao sistema de xestión das bases de datos,
respectivamente. Este é o alicerce sobre o que o se vai construír
un edificio encamiñado a permitir o aproveitamento dos beneficios da
computación na nube (dispoñibilidade total da información para os
usuarios autorizados, accesibilidade, redución de carga de traballo
e de operacións que recaen agora na empresa externa, aforros en
infraestrutura e almacenamento, melloras na calidade de servizo,
etc). Sobre esta arquitectura executaranse aplicacións hospitalarias
como software como servizo. Asemade, os dispositivos de acceso usarán
só navegadores e estándares web, polo que a solución amosada
gañaría en eficiencia e independencia con respecto á plataforma.
Sobre as aplicacións
concretas de todo isto, Gradiant informa que é moi posible que
entre as vantaxes máis salientables que se poñen en xogo se sitúe
o pago por uso. “Desta maneira”, engade, “os custos
fixos en tecnoloxía de calquera organización sanitaria poden
converterse en variables, destinando o aforro que diso se deriva a
outras unidades nas que sexa preciso facer un maior investimento ou
outros eidos como o da investigación”. Esta
metodoloxía posibilita igualmente un “considerable
aforro de tempo, xa que as horas dedicadas a mantemento e atención a
usuarios convértense en tempo destinado ás áreas de competencia
sanitaria, incrementando o valor da entidade en termos de
produtividade”.
A
maiores, está o factor escalabilidade,
que é como se coñece no eido informático á capacidade dun sistema
de adaptarse aos cambios e
aos contornos sen que se
reduza a operatividade nin a calidade do mesmo. Este factor é un dos
elementos clave da computación na nube e das súas diferentes
vertentes. Dito doutra maneira: as ferramentas e servizos na nube non
adoitan a entender
de tamaños e orzamentos, polo que as súas solucións tecnolóxicas
son perfectamente adaptables a calquera empresa, sexa cal sexa a súa
envergadura. A xuízo de Gradiant, a nube pode configurarse como un
modelo tecnolóxico útil nas organizacións sanitarias a curto
prazo. “O foco”,
di, “debe estar en comprender como o cloud computing pode
integrarse coas infraestruturas existentes, como un elemento máis, e
en como superar as dúbidas e preocupacións de profesionais e
responsables sanitarios sobre a súa aplicabilidade neste ámbito”.
O proxecto Higea ten xusto diante un reto a ter moi en conta:
convencer aos xestores tecnolóxicos da sanidade española da
idoneidade do Cloud, polo que deberá expor con claridade as
solucións aos puntos febles que se amosan á hora de incorporar esta
tecnoloxía ao ámbito sanitario, como son a seguridade, a
fiabilidade e a localización da información.
