IBM mercará Red Hat por 34.000 millóns de dólares

luns, 29 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Ginni Rometty (Red Hat) xunto a Ginni Rometty (IBM)

A que posiblemente é multinacional do software máis importante do mundo do software libre, Red Hat, cunha célebre distribución de Linux de seu e cun papel moi relevante en infinidade de proxecto de software libre, vén de pechar un acordo de compra por parte de IBM, compañía que ofreceu 190 dólares en efectivo por acción, o que supón un valor total aproximado de 34.000 millóns de dólares, converténdose na operación deste tipo máis elevada da historia ao superar os 26.200 millóns de dólares que Microsoft pagou por LinkedIn.
Dende IBM aseguran que esta adquisición «cámbiao todo no mercado da nube» ao converter a IBM no meirande provedor de nube híbrida do mundo. Dende Red Hat tamén están convencidos de que a súa integración en IBM ofreceralle os recursos necesarios para acelerar o impacto do código aberto na transformación dixital que están a experimentar as empresas de todo o mundo.
A adquisición non terá un impacto sobre o rol de IBM e Red Hat no seu apoio ao software libre e á participación de ambas empresas nas comunidades que fomentan e organizan os desenvolvementos abertos.
O que si mudará tras esta operación é que IBM dará prioridade á tecnoloxía de Red Hat en numerosos escenarios.
Tras o peche da adquisición, Red Hat manterá boa parte da súa independencia, continuando Jim Whitehurst á súa cabeza, aí como o seu actual equipo de dirección, pasando Whitehurst a formar parte do equipo de dirección senior de IBM e tendo que responder ante Ginni Rometty.
IBM pretende manter as instalacións, as prácticas e as marcas de Red Hat, e prevé completar a operación de compra na segunda metade do ano que vén.

PUBLICIDADE