ICANN delega o dominio .gal
sábado, 12 de abril do 2014
- Parte do membros da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal nunha das súas xuntanzas recentes
Tras máis de sete anos de traballo, a pasada noite entrou en
funcionamento o dominio de primeiro nivel para a lingua e cultura galegas, o
.gal, do que o primeiro nome de dominio activado pola ICANN é o nic.gal (que
remite á páxina web oficial da Asociación
PuntoGal, promotora esta iniciativa
ante o organismo regulador dos nomes de dominio na Internet). A activación do
dominio nic.gal é de carácter técnico e para probas, e supón a delegación
formal do nome de dominio de primeiro nivel e a culminación dun longo proceso apoiado
por toda a sociedade galega.
A Asociación PuntoGal asinou o pasado 7 de novembro o contrato con ICANN para
poder tomar o control do dominio .gal, quedando pendente a delegación do
dominio que vén de producirse, polo que o seguinte paso que tomará este proceso
de nacemento do novo dominio será a publicación das normas para o rexistro de
nomes de dominio baixo o sufixo .gal, nas que traballou unha comisión
multidisciplinar por encargo da Asociación e que terá carácter público e
rexeranse por criterios de transparencia e equidade. A Asociación tamén
organizará en breve un acto arredor do lanzamento do dominio.
O rexistro no dominio galego na Internet comezará cun período de lanzamento
repartido nas fases de Abrente (sunrise)
e Carreira (landrush), para despois
abrirse o rexistro ao público xeral. No período de Abrente as administracións
públicas e asimilados terán prioridade para rexistrar os seus dominios co
sufixo .gal, seguidas polas entidades que teñan unha traxectoria probada de
promoción da lingua ou da cultura galegas; as marcas rexistradas no Trademark
Clearing House de ICANN e outras marcas rexistras, nomes ou intereses
protexidos; e páxinas realizadas ou con versión en lingua galega. Mentres, o
período de Carreira facilitará o acceso ao rexistro .gal a rexistrantes sen
dereitos ou intereses protexidos.
Esta fase de lanzamento estará precedida dun período coñecido como Programa
Pioneiros co que a Asociación PuntoGal busca a promoción do novo dominio de
primeiro nivel facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de
dominios de Internet para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e
social.
Dende a Asociación PuntoGal aproveitan este fito histórico para agradecer a
toda a sociedade galega (incluíndo a comunidade no exterior, as principais
entidades culturais, as empresas e as asociacións de base) o apoio recibido,
así como a contribución da Administración autonómica a través da AMTEGA.
Durante as últimas horas a ICANN delegou un total de 15 novos dominios de Internet, entre os que tamén figura o .eus, dominio para a cultura vasca e o éuscaro, polo que estamos ante unha xornada dobremente histórica para a diversidade cultural e lingüística de España.