Inaugúranse as xornadas sobre o poder transformador da tecnoloxía 5G

martes, 15 de xuño do 2021 Redacción

Esta mañá inauguráronse as xornadas O poder transformador da 5G, que se celebrarán os días 15, 16 e 17 de xuño de forma telemática. Organizadas por Telefónica, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación (COIT) e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación en Galicia (COETG), compóñense de seis encontros que mostrarán como o dito estándar móbil xa está a transformar a nosa sociedade a través da exposición dos casos de uso que Telefónica despregou na Comunidade Autónoma de Galicia nos últimos anos.
Durante o acto inaugural destas xornadas, Manuel Ángel Alonso, director de Territorio Norte de Telefónica, presentou os proxectos 5G como “unha oportunidade para resolver dous grandes problemas: a conectividade no medio rural e o avance cara á transformación da industria”.
O decano territorial do COETG, Julio Sánchez Agrelo, engadiu que en datas moi próximas porase de manifesto a transversalidade que supón esta tecnoloxía en beneficio de todos os sectores.
Mentres, Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), referiuse a que “o modelo de cooperación público-privada é fundamental á hora de competir e executar da mellor maneira a capacidade de financiamento imprescindíbel para o desenvolvemento da 5G”.
Alberto Martínez, director xeral de Red.es, engadiu que “o poder transformador desta tecnoloxía repercutirá na nosa forma de vida, de traballar, de relacionarnos, ademais de ser un vector esencial para mellorar a produtividade da economía”.
Pola súa banda, o presidente de RECI e alcalde de Logroño, Pablo Hermoso, referiuse ao espírito de transformación que tamén chega ás cidades co despregamento da 5G e mostrou a súa total predisposición para efectualo.
Carlos Daniel Casares, secretario xeral da FEMP, dixo que “a tecnoloxía 5G tamén é unha oportunidade para mellorar os servizos públicos e a calidade de vida de todos os cidadáns, con independencia de onde vivan”.
Ademais, Arturo Azcorra, director xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, dependente da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, incidiu en que “estes proxectos piloto son só o principio, porque temos que lograr que España sexa o primeiro país do mundo onde haxa un despregue completo deste novo estándar móbil”.
Durante tres días, diversos representantes e entidades públicas, organizacións privadas, centros de investigación, clústeres e actores do sector das telecomunicacións participarán nas sesións programadas que xa se están a celebrar.
O día 15 o programa vén con dúas mesas ao redor dos casos de éxito do 5G en Galicia, a primeira orientada á industria e cidadanía e, pola tarde, á visión tecnolóxica e de negocio.
O día 16 está programado un encontro coas comisións do Congreso e Senado e unha sesión que abordará a 5G na industria e infraestruturas.
O día 17 trataranse os sectores económicos galegos e a súa relación ca tecnoloxía 5G, e o impacto desta nas empresas desde unha perspectiva nacional.
Os socios deste proxecto son Ericsson, Nokia, Telefónica, Cinfo, Idronia, Telnet e o Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Prof. Fernández Vigo. Os axentes colaboradores son Huawei, Stellantis, INECO e CTAG. Os clientes dos casos de uso foron o R.C. Deportivo, Navantia, ADIF e o Ministerio de Transportes e Mobilidade. O financiamento do mesmo foi posíbel grazas a Red.es (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital) e a Unión Europea.

PUBLICIDADE