Ingresa na RAGC Ramón Doallo, catedrático da Electrónica e Sistemas da UDC e co-fundador de Torus

xoves, 24 de setembro do 2015 Redacción

Onte formalizouse a incorporación á Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) dun dos máximos expoñentes do noso panorama de investigación electrónica e TIC, falamos de Ramón Doallo Biempica, profesor, investigador e emprendedor da Universidade da Coruña (é co-fundador dunha das firmas máis innovadoras do noso panorama tecnolóxico, Torus). O acto de ingreso na entidade de Doallo celebrouse na sede da mesma no Pazo de San Roque (Santiago) e acompañouse dun discurso do novo académico titulado No camiño da computación exaescala. Logo de pronuncialo, foille entregada unha medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e máis un diploma que recibiu de mans do reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto.
Como lembraremos, Doallo é catedrático no Departamento de Electrónica e Sistemas da Universidade da Coruña (UDC), que se integra na Sección de Ciencias Técnicas.
O seu ingreso, sinala a RAGC, parte da rolda de incorporacións á institución ao longo deste ano, no que están a entrar seis novos académicos de diversas áreas de coñecemento.
Ao acto asistiron, entre outros, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros; e o director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Javier García Tobío.
Ramón Doallo doutorouse en Física pola USC e é profesor titular e xefe do Grupo de Investigación en Arquitectura da Computación na UDC. Ten 23 anos de experiencia en investigación e desenvolvemento no campo da Computación de Alto Rendemento (High Performance Computing, HPC), cubrindo unha ampla gama de temas, como compiladores e linguaxes de programación para HPC, algoritmos e aplicacións paralelas e distribuídas, xestión de infraestruturas HPC, computación distribuída, arquitectura do procesador, computación gráfica e sistemas de información xeográfica distribuídos. As súas publicacións sobre estes temas superan as 120.
Foi investigador visitante no Centro de Supercomputación de Investigación e Desenvolvemento e no Departamento de Ciencia da Computación, ambos os dous da Universidade de Illinois (EEUU). Até o de agora, liderou 40 accións de investigación (proxectos, redes de investigación, etc.) financiados por axencias nacionais e internacionais, institucións públicas e empresas privadas. Na actualidade ocupa tamén a xefatura da Escola Internacional de Doutoramento da Universidade da Coruña.
No eido do emprendemento, Doallo é co-fundador da empresa de base tecnolóxica Torus Software Solutions, que ofrece solucións de software de comunicacións ultrarrápidas que permiten acelerar aplicacións en contornas nas que o rendemento é crítico, en especial nos ámbitos financeiro, das telecomunicacións e da enerxía. A empresa está participada pola UDC e pola Fundación Barrié a través do seu Fondo de Ciencia e recibiu xa varios premios polo seu compoñente innovador.

PUBLICIDADE