Inspira STEAM 2022 mostrou no CITIC os resultados da súa actividade na Coruña

mércores, 29 de xuño do 2022 S. P.

O xoves 23 de xuño o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC acolleu a xornada de peche do programa Inspira STEAM 2022 na provincia da Coruña, que estivo coordinado pola investigadora Verónica Bolón e que conta co apoio do devandito centro o Campus Innova da UDC. Ao acto acudiron mentores e titores participantes na iniciativa para compartir os resultados obtidos na primeira edición do programa, que busca fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade.
A mesa de apertura contou coa presencia da coordinadora de Inspira STEAM na provincia de A Coruña, Verónica Bolón; a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade da UDC e investigadora do CITIC, María José Lombardía; a directora da Oficina de Igualdade da UDC, Ana Neira; e a directora do Campus Innova da UDC e investigadora do CITIC, Susana Ladra.
Todas coincidiron na importancia de “fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas para rachar coa fenda de xénero e avanzar cara a igualdade”, sendo clave facilitar ás novas xeracións referentes de mulleres científicas e dar a coñecer as profesións STEAM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas).
De seguido, Verónica Bolón presentou os resultados acadados na primeira edición da iniciativa, que se desenvolveu co alumnado do CPR Valle Inclán I, o IES Ramón Menéndez Pidal e o Colexio Internacional Eirís. Tamén adiantou a intención de continuar co programa no vindeiro curso académico, ampliándoo a máis centros educativos.
A continuación, celebrouse unha mesa redonda na que mentores e titoras achegaron as súas impresións, experiencias e aprendizaxes en canto ao proxecto. Participaron nesta mesa redonda Sara Guerreiro, mentora no CPR Valle Inclán I; Manuel F. Herrador, mentor no Colexio Eirís; Vanessa Valdiglesias, mentora no IES Ramón Menéndez Pidal; e Cory Gajino, titora de 6º A no Colexio Eirís.
Inspira STEAM é un proxecto pioneiro para o fomento das vocacións STEAM entre as nenas, baseado en accións de sensibilización e orientación impartidas por profesionais do ámbito da investigación, a ciencia e a tecnoloxía. Durante estas sesións abórdanse temas como os estereotipos que nos rodean e o traballo das mulleres na ciencia ao longo da historia. Con esta iniciativa trátase de axudar a despexar dúbidas sobre as profesións en ciencia e tecnoloxía, clarificar as motivacións do alumnado e afianzar a súa autoestima de cara ao seu desenvolvemento académico e profesional.

PUBLICIDADE