Instagram en galego celebrou as Letras cun maratón de directos arredor da nosa cultura

luns, 18 de maio do 2020 S. P.

A Iniciativa Instagram en galego, coñecida por Insta en galego e promovida polo activista dixital Carlos Vieito, é actualmente unha das principais fontes de actividade online nestes tempos de pandemia, contribuíndo á cultura e ao lecer con directos diarios a través da dita rede social, tirando partido dela para promover a cultura e o uso da lingua galega. Son directos “con risas e conversas amenas con persoas que nos contan como pasan o seu confinamento”, sinala Vieito, lembrando que entre as persoas que pasan polo programa atópanse Gonzo, Sabela Ramil, Sés, Touriñán, Vero Boquete, Blondie Muser, etc.
Co gallo das Letras Galegas a iniciativa preparou unha maratón de directos dende ás 10 da maña até ás 10 da noite con entrevistas a todo tipo de persoeiros e institucións que promoven a lingua no seu día a día. Na grella da maratón participaron A Mesa ou AGAL; artistas como Xabier Diaz e Carlos Blanco; traballadores/as da lingua como Nel Vidal, Carlos Callón e Pilar Ponte, ou empresas que promoven a lingua como Rei Zentolo ou a Escola Semente, entre outras.
A iniciativa naceu en 2018 co obxectivo firme de contribuír a galeguizar a rede social Instagram, comezando pola súa tradución ao galego e, tamén, promovendo o uso da lingua entre os seus usuarios e usuarias. Co devandito no punto de mira, lanzáronse campañas e lemas animando á xente a demandar que Instagram estea en galego.

PUBLICIDADE