Instagram estrea tarxetas de identificación para facilitar a comunicación con outros usuarios

xoves, 4 de outubro do 2018 Marcus Fernández

De cara ao comezo do novo curso académico dende Instagram entenderon que era preciso facilitar o xeito de que os usuarios poidan engadir a novas persoas ás que seguir na súa aplicación, e ante as dificultades que xorden ás veces á hora de intercambiar nomes de usuario (pola súa complexidade) decidiron integrar unha nova funcionalidade en Instagram: as tarxetas de identificación.
Deste xeito, cando queiramos compartir o noso nome de usuario con alguén que atopemos en persoa, podemos ir á sección Tarjeta de identificación dende o noso perfil, apartado dende o que podemos tanto amosar en pantalla o noso identificador para amosarllo a outro como activar a cámara do smartphone a xeito de escaner de tarxetas, facilitando así o intercambio de nomes de usuario e axilizando o seu seguimento.
Estas tarxetas de identificación tamén poden compartirse a través doutras plataformas como Facebook ou WhatsApp, xa que o escaneo de tarxetas tamén pode realizarse coas imaxes que teñamos almacenadas no noso teléfono, e aínda que poida semellar unha prestación propia doutros tempos, pode resultar menos violenta que convidar a unha persoa a que teclee directamente o seu nome de usuario no noso móbil ante a dificultade de entendelo correctamente a viva voz.
Loxicamente, nos casos de nomes de usuario sinxelos e breves esta funcionalidade carecería de sentido, xa que resultaría máis áxil buscar directamente ao usuario na aplicación.

O funcionamento das tarxetas de identificación é bastante sinxelo, e permite certo nivel de personalización

PUBLICIDADE