Instagram xa non obriga a que os seus contidos sexan cadrados

xoves, 27 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Aínda que os filtros formen unha parte esencial de Instagram, a aplicación para compartir fotografías dende o móbil máis popular a nivel mundial caracterizábase fundamentalmente porque as imaxe tiñan dimensións cadradas, tanto para imaxes como para vídeo, e sorprendentemente veñen de dicir adeus a esa condición para compartir contidos, atendendo a que un de cada cinco contidos non se axustaban ao formato cadrado (presentando antiestéticas marxes).
Esta nova funcionalidade é especialmente benvida no caso do vídeo, xa que agora Instagram pode empregarse para compartir vídeo convencional, máis cinematográfico, e como exemplo diso veñen de estrear un pequeno corte de vídeo promocional da vindeira película de Star Wars empregando esta ferramenta.
Outro cambio que experimenta agora Instagram é que os filtros que poden aplicarse a fotografías e vídeos serán os mesmos, podéndose tamén axustar a intensidade dos filtros en vídeo, como unha ferramenta máis para disparar a creatividade dos usuarios das aplicacións de Instagram para iOS e Android a partires da versión 7.5, publicada nas últimas horas.

Vídeo promocional da incorporación dos vídeos panorámicos a Instagram

PUBLICIDADE