Intel presenta os novos procesadores Core i9

martes, 30 de maio do 2017 Marcus Fernández

Intel está a aproveitar a súa presenza no Computex de Taipei para anunciar a súa nova familia de procesadores de escritorio Core X, que non só supón a presentación de procesadores Intel Core i5 e i7 máis potentes, senón tamén a estrea dos novos Intel Core i9, marcando un novo teito para este tipo de procesadores de consumo, que buscan así satisfacer a usuarios moi esixentes (entre os que destacan especialmente o gamers, que son os que máis potencia esixen aos seus equipos).
A nova familia Core X comeza co Core i5-7640X de 4 núcleos, que ten un prezo de saída de 242 dólares, mentres que os novos Core i7 parten dun 4 núcleos (8 fíos) a un 8 núcleos (16 fíos) con prezos de 339 e 599 dólares respectivamente. Noutro rango de prezos estarían os Core i9, que parten dun 10 núcleos (20 fíos) a un prezo de 999 dólares a chegan a un 16 núcleos (32 fíos) a 1.699 dólares (haberá un modelo con 18 núcleos do que aínda non adiantaron o prezo), deixando claro que non son procesadores destinados para un público masivo.
Con Intel Turbo Boost Max Technology 3.0 tamén conséguese mellorar o rendemento para procesos de 1 ou 2 fíos. De xeito xeral podemos dicir que os novos procesadores melloran en rendemento multifío un 10% fronte a anterior xeración, mentres que para procesos de un fío a mellora chegaría até o 15%. Agora tamén cóntase con até 44 pistas de PCIe 3.0 conectadas directamente á CPU para poder empregar optimamente unidades SSD de alta velocidade, varias gráficas discretas ou a tecnoloxía ultrarrápida Thunderbolt 3.

Vídeo de presentación da nova xeración de procesadores Core X de Intel

PUBLICIDADE