Investigadoras do CITIC participaron en actividades divulgativas con motivo do 11F

xoves, 17 de febreiro do 2022 S. P.

Para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, celebrado o pasado venres 11 de febreiro, as investigadoras do CITIC participaron en diferentes actividades divulgativas organizadas coa finalidade de promover as vocacións STEAM entre as nenas e poñer o foco no papel da muller na ciencia.
Co propósito de reivindicar a importancia do acceso pleno e equitativo das mulleres na investigación, a Facultade de Informática da UDC e o MUNCYT Coruña organizaron un ciclo de charlas online impartidas por mulleres tituladas pola UDC que se dedican a profesións tecnolóxicas, retransmitidas en varios centros educativos de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. Entre elas, a investigadora Laura Castro Souto impartiu a charla A tecnoloxía é para min?.
O IES Ramón Menéndez Pidal – Zalaeta (A Coruña) acolleu senllas charlas das investigadoras Bertha Guijarro Pardiñas e María Martínez Pérez. Bertha Guijarro ofreceu a charla Intelixencia artificial? Naturalmente! ao alumnado de 3º de ESO, mentres que os grupos de 2º de ESO asistiron a Ciencia e tecnoloxía para todo e para tod@s, de María Martínez.
Pola súa banda, o IES Agra do Orzán recibiu a Beatriz Pérez Sánchez para impartir o coloquio Nenas, Enxeñería e Informática para estudantes de 4º de ESO.
Ademais, Thais Pousada tomou parte na iniciativa Atrévete a pescudar con elas!, promovida pola Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC. Así, participa nun vídeo dirixido a escolares de educación secundaria, onde diferentes investigadoras da Universidade explican dunha forma sinxela a súa traxectoria científica e vital, co fin de incentivar a curiosidade pola profesión investigadora e científica.

PUBLICIDADE