Investigadores do CITIC achegan na Semana da Ciencia un ciclo de charlas sobre tecnoloxías revolucionarias
mércores, 13 de novembro do 2024
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña ofrecerá un ciclo de charlas divulgativas dirixidas ao alumnado de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, recomendado para estudantes a partir dos 14 anos. Estas charlas, enmarcadas na Semana da Ciencia, teñen como obxectivo principal mostrar as conexións entre a ciencia, a tecnoloxía, a informática, a lingüística e as matemáticas, e explorar o impacto destas áreas na sociedade actual.
As sesións celebraranse este xoves, 14 de novembro, de maneira presencial no MUNCYT Coruña ou de forma virtual, permitindo a participación de centros educativos de toda España a través de videoconferencia.
Programa de actividades
-10:30-11:00 h. A informática e o recoñecemento do xenoma dun individuo, por José Ramón Paramá Gabía. Esta charla afondará nos avances informáticos que permiten secuenciar o xenoma humano de forma rápida e accesíbel, abordando como a tecnoloxía reduce os custos e tempos deste proceso.
-11:15-11:45 h. Ciencia e tecnoloxía para interfaces cerebro-ordenador, con Adriana Dapena Janeiro. A través desta sesión, o alumnado descubrirá como as interfaces cerebro-ordenador (BCI) transforman a actividade cerebral en comandos para controlar dispositivos tecnolóxicos, combinando disciplinas como a ciencia, a enxeñaría e as matemáticas.
-12:00-12:30 h. Relacións entre a lingüística e a Intelixencia Artificial, con Margarita María Alonso Ramos. Esta charla centrarase no ámbito das tecnoloxías lingüísticas, amosando o papel fundamental da lingüística en aplicacións como tradutores automáticos e sistemas de busca. Avaliaranse tamén sistemas actuais, como ChatGPT, desde unha perspectiva lingüística.
-12:45-13:15 h. Viaxe polos sistemas de posicionamento, presentada por Carlos J. Escudero. Nesta sesión explicarase a evolución das tecnoloxías de posicionamento e como sistemas modernos, como o GPS, permiten localizar con precisión dispositivos en calquera lugar do mundo.
Participación e inscrición
As charlas serán de acceso presencial, con aforo limitado ao espazo dispoñible no salón de actos, ou a través de videoconferencia. Para asistir, é preciso facer a reserva por correo electrónico (reservascor@muncyt.es) ou por teléfono (689 578 727), indicando as sesións nas que participará cada grupo. Para o acceso online, os centros participantes deberán contar cunha conexión a Internet e medios audiovisuais na aula. As preguntas poderán enviarse con antelación ao correo de reservas, para ser seleccionadas e agrupadas segundo a súa relevancia e similitude coas preguntas doutros centros. “Este ciclo de charlas”, explicou o CITIC, “é unha excelente oportunidade para achegar á mocidade os últimos avances en áreas clave para o desenvolvemento tecnolóxico e científico”.