Investigadores do CITIC achegan un procedemento que mellora a ensamblaxe de bloques en construción naval

luns, 16 de decembro do 2024 S. P.

Un grupo de investigadores do CITIC da Universidade da Coruña, integrado por Salvador Naya, Ricardo Cao e Javier Tarrío, desenvolveu un procedemento estatístico innovador que optimiza o proceso de ensamblaxe de bloques na construción naval. Este método está deseñado para predicir a probabilidade de éxito ao inserir elementos transversais a través de paneis que conteñen compoñentes lonxitudinais, “un paso crítico na construción de buques”, explicaron fontes do centro coruñés, engadindo que o procedemento baséase en simulacións exhaustivas con datos sintéticos.
Os investigadores analizaron factores clave como as dimensións dos paneis ou a súa estrutura e propuxeron un novo método que permite calcular a probabilidade de enfiado das bulárcamas (as cadernas do buque destinadas a incrementar a súa resistencia). Ademais, realizaron unha análise de sensibilidade que identifica as variábeis máis influentes no proceso.
O investigador do CITIC, Salvador Naya, resalta que “este avance estatístico non só axuda a garantir ensamblaxes de maior calidade, senón que tamén contribúe ao cumprimento dos prazos de produción, redución de custos e consumo eficiente de recursos. É unha achega significativa para aumentar a competitividade dos estaleiros”.
Industria 4.0
A construción naval, un sector altamente competitivo, enfronta retos relacionados coa variabilidade dos seus procesos e a necesidade de mellorar a precisión das ensamblaxes. En palabras do CITIC, este estudo propón unha análise exhaustiva das variábeis críticas que afectan a ensamblaxe de bloques de paneis, contribuíndo á transformación dixital dos estaleiros cara a unha maior automatización, como parte da iniciativa da Industria 4.0. No caso do estaleiro de Navantia en Ferrol, búscase reducir os tempos de produción e os custos mediante a integración de tecnoloxías avanzadas como a robótica e o IoT (Internet das Cousas).O estudo, publicado na revista Quality and Reliability Engineering International, presenta unha ferramenta personalizada para avaliar a competencia dos estaleiros neste proceso clave e suxire melloras baseadas nos resultados obtidos.
O procedemento, baseado datos sintéticos e reais de Navantia, aplícase no marco do Proxecto de Control Dimensional que se iniciou dentro da Unidade Mixta de Investigación Navantia - Universidad da Coruña, e que continua nesta mesma liña dentro do novo Centro Mixto de Investigación (CEMI), onde se utilizan ferramentas estatísticas para automatizar procesos e mellorar a precisión dimensional.
O artigo en cuestión está dispoñíbel online.
Centro mixto UDC-Navantia
O Centro Mixto de Investigación (CEMI) UDC-Navantia “O Estaleiro do Futuro" nace o 12 de xullo de 2022, co apoio económico da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.
O CEMI supón unha continuación a dúas etapas previas: unha primeira vinculada á creación da Unidade Mixta de Investigación (UMI) UDC-Navantia (2015-2018) e unha segunda á súa consolidación (2018-2021). As actuacións desenvolvidas ao abeiro destas dúas etapas xurdiron pola inquietude de Navantia para iniciar un profundo proceso de transformación orientado á sustentabilidade da empresa no mercado do século XXI. A Universidade da Coruña (UDC) contribuíu a dar soporte á innovación tecnolóxica necesaria para a devandita transformación. A experiencia acumulada na UMI permitiu identificar novas necesidades de desenvolvementos tecnolóxicos e intensificar a colaboración entre Navantia e a UDC.