Investigadores do CITIC da UDC participan nun proxecto piloto de tecnoloxía 5G
martes, 15 de setembro do 2020

- De esquerda a dereita (superior): Jorge Novo e Marcos Ortega; o doutor Fernández Vigo; e os especialistas en oftalmoloxía do CIOA José Ignacio Fernández-Vigo, Ignacio Almorín Fernández-Vigo e Bachar Kudsieh/ Na fileira inferior o membro do CITIC Pablo Guillemette e o responsable do proxecto en Telefónica Innovación, Juan Cambeiro
Os
investigadores
do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, Marcos Ortega e Jorge
Novo, participan no proxecto Ocuexplorer 5G, coordinado polo
Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Profesor Fernández
Vigo (CIOA) e liderado por Telefónica. Trátase dunha das
iniciativas de investigación e desenvolvemento promovidas polo
Goberno a través dunha convocatoria pública de axudas cun orzamento
agregado de máis de 36 millóns de euros, dos que máis de 10
millóns serán co-financiados por Red.es a través dos fondos FEDER
da UE. Este piloto inclúe oito casos de uso que se desenvolverán en
Galicia a cargo da Unión Temporal de Empresas composta por
Telefónica, Ericsson, Nokia, Cinfo, Idronia, Telnet Redes
Inteligentes e o Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada
Fernández-Vigo.
Segundo
explica o CITIC, Ocuexplorer 5G baséase en novas tecnoloxías
ópticas, técnicas de telecontrol, comunicacións 5G e Intelixencia
Artificial e ten como obxectivo facer máis accesible o coidado
oftalmolóxico de pacientes, principalmente a persoas maiores,
persoas con problemas de mobilidade e procedentes de lugares con
difícil acceso aos centros médicos. Deste xeito, o prototipo de
teleoftalmoloxía avanzada Ocuexplorer 5G constitúe un mecanismo de
axuda para os oftalmólogos, que permita chegar a unha maior
poboación de forma máis eficiente, avanzando no desenvolvemento
dunha oftalmoloxía preventiva para toda a poboación.
O
CITIC lembra que “a teleoftalmoloxía pode ser unha ferramenta
clave nestes momentos de pandemia, xa que practicamente podería
consultarse a distancia, evitando desprazamentos aos centros médicos
e evitando así a exposición ao virus”.
O
prototipo desenvolvido polo consorcio formado polo Centro
Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Profesor Fernández Vigo
(CIOA), Telefónica, Idronia e o CITIC consta dun dispositivo que
toma imaxes de alta definición do ollo, que posteriormente filtra
utilizando técnicas de Intelixencia Artificial. As imaxes envíanse
ao oftalmólogo en tempo real, aproveitando o amplo largo de banda
que permite a rede móbil 5G.
Os
investigadores do CITIC Marcos Ortega e Jorge Novo foron os
encargados de desenvolver o software de Intelixencia Artificial capaz
de analizar retinografías e identificar potenciais riscos de
patoloxías oculares. O sistema permite realizar un cribado de
cantidades masivas de información e notificar ao oftalmólogo cada
vez que se identifique unha retinografía con parámetros fóra da
normalidade, para que sexa examinada de maneira axeitada.
O
proxecto Ocuexplorer 5G aportará progresos na prevención e
diagnóstico das doenzas do ollo, conseguindo un sistema de
oftalmoloxía preventiva máis avanzado e intelixente a través da
nova xeración de tecnoloxía móbil 5G.
