Investigadores do CITIC desenvolven unha ferramenta para atopar as imaxes de meirande impacto no mercado inmobiliario

xoves, 18 de febreiro do 2021 Redacción

Investigadores do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) veñen de desenvolver unha ferramenta baseada en tecnoloxías de Intelixencia Artificial especialmente orientada a mellorar a actividade das empresas inmobiliarias. Trátase da ferramenta PhotoILike, nacida no seo da empresa de base tecnolóxica Artificial Intelligence Indestia, participada pola UDC.
En concreto, trátase dun sistema destinado ao mercado inmobiliario que ten o obxectivo de seleccionar as imaxes con maior impacto comercial. Os investigadores do CITIC que forman parte deste proxecto son Juan Jesús Romero, Adrián Carballal, Francisco Cedrón e Nereida Rodríguez.
Segundo informa o CITiC, a tecnoloxía PhotoILike ten capacidade para determinar “cal é a imaxe máis atractiva dentro dun conxunto”, e faino a partir de máis dun millón de enquisas realizadas a particulares nas que se avalían diferentes imaxes inmobiliarias mostradas nos anuncios dos portais web. “Deste xeito”, engade o centro coruñés, “mediante a combinación de técnicas de aprendizaxe de Intelixencia Artificial, a ferramenta permite elixir mellor as imaxes a incluír no anuncio, xa que proporciona o impacto medio de cada unha tendo en conta a súa calidade, valor estético e efecto comercial”.
PhotoILike xa é utilizado por 4.000 inmobiliarias para aumentar as visitas nos anuncios, conseguindo incrementar ata un 300 % as visitas en anuncios nos portais Idealista, Fotocasa e Milanuncios.

PUBLICIDADE