Investigadores do CITIC desvelan os segredos das estrelas mortas e os planetas perdidos
mércores, 18 de decembro do 2024
Un equipo de investigadores e investigadoras do CITIC da Universidade da Coruña vén de lograr un importante avance no estudo da evolución dos sistemas planetarios. Tirando proveito dos datos achegados pola misión espacial Gaia e avanzadas técnicas de Intelixencia Artificial, identificaron trazas de metais nas atmosferas de ananas brancas, estrelas mortas tras quedarse sen hidróxeno que fusionar.
Estes metais, que non poden ser primordiais nin xerarse na anana branca a posteriori, atopan nos restos de planetas destruídos os seus hóspedes máis probábeis de acordo cos modelos e teorías máis actuais. É dicir, este achado revela a presenza de rastros de planetas que unha vez orbitaron estas estrelas e que foron destruídos cando a estrela esgotou o seu combustíbel nuclear. O artigo, publicado recentemente en The Astrophysical Journal, foi desenvolvido por Xabier Pérez Couto, Lara Pallas Quintela, Minia Manteiga e Carlos Dafonte, do CITIC, en colaboración con Eva Villaver Sobrino, investigadora do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).
Segundo explicou o CITIC, o achado de metais como calcio, magnesio e sodio nas atmosferas das ananas brancas é significativo, “xa que estes elementos non deberían estar presentes debido á intensa gravidade que exerce o núcleo da estrela”. A existencia destes metais suxire que foron absorbidos a posteriori de planetas e asteroides que se desintegraron cando a estrela alcanzou a súa fase final.
IA para identificar estrelas
O equipo empregou un algoritmo de Intelixencia Artificial denominado “mapas autoorganizados” para procesar e analizar os grandes volumes de datos obtidos pola misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA). Grazas a esta técnica, foron capaces de identificar 143 novas candidatas a ananas brancas metálicas que ata o de agora non foran catalogadas.
Este traballo marca o inicio dunha nova fase de investigación, xa que o equipo do CITIC ten previsto realizar observacións adicionais utilizando telescopios de maior resolución desde a Terra para confirmar a presenza destes metais, pois calcular as súas abundancias permitirá coñecer con detalle a composición dos planetas que orbitaban estas estrelas.
O estudo publicado en The Astrophysical Journal abre novas posibilidades para entender como os sistemas planetarios evolucionan e desaparecen, proporcionando unha valiosa xanela ao pasado da Vía Láctea. Ademais, segundo engade o CITIC, “demostra a potencia da IA aplicada á astronomía, ofrecendo unha ferramenta poderosa para procesar grandes volumes de datos e descubrir obxectos astronómicos aínda non catalogados”.