Investigadores do CITIC e ANFAIA convocan unha xornada para mostrar o futuro da IA
xoves, 23 de xaneiro do 2025
O vindeiro martes 28 de xaneiro, celebrarase na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) a xornada Futuro da Intelixencia Artificial, organizada polos grupos de investigación RNASA-IMEDIR e LIDIA do CITIC, en colaboración coa Asociación Nacional Faro para la Aceleración de la Inteligencia Artificial (ANFAIA).
Este evento levarase a cabo de maneira presencial na Aula de Graos da Facultade de Informática da UDC, con modalidade online dispoñíbel a través de Teams, e poderase acceder á gravación posteriormente na web do grupo de investigación RNASA-IMEDIR.
O evento está especialmente centrado nos avances da Intelixencia Artificial e a computación cuántica, dúas áreas de gran actualidade e potencial disruptivo. Discutiranse os avances nestes eidos, as súas posíbeis aplicacións e como a IA pode influír na computación cuántica. Tal e como sinala o investigador do CITIC Alejandro Pazos, “a IA e a computación cuántica son as tecnoloxías emerxentes do momento, aínda que aínda están por demostrar o seu impacto real na vida diaria e no desenvolvemento das sociedades”.
O programa comezará coa presentación de ANFAIA e a súa iniciativa de bolsas para proxectos de IA de código aberto, a cargo de Ismael Faro, fundador de ANFAIA e vicepresidente de Cuántica e IA en IBM Research. A continuación, haberá unha mesa redonda titulada IA e o seu impacto en Cuántica, e viceversa: What’s cooking?, moderada por Alejandro Pazos, investigador do CITIC e catedrático de Ciencias da Computación e IA na UDC. Esta mesa contará cos investigadores Vicente Moret Bonillo e Eduardo Mosqueira Rey, quen compartirán os seus coñecementos sobre as perspectivas futuras da IA e a computación cuántica.
A inscrición é gratuíta, pero con aforo limitado. Os interesados en participar deben inscribirse enviando un correo a sofia.paz@udc.es. Outorgarase un recoñecemento oficial de asistencia.