Investigadores do CITIC mostran innovación ante expertos en eSaúde de todo o mundo

xoves, 27 de setembro do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC da UDC está a desenvolver este outono unha máis que completa axenda de presentacións, demostracións e contribucións. Un dos exemplos máis recentes deste programa foi a participación no MICCAI 2018, referencial congreso internacional do ámbito da eSaúde, dos investigadores da área de Percepción, Cognición e Interacción do CITIC (Álvaro Suárez Hervella, José Rouco Maseda e Jorge Novo Buján). No evento, que se celebrou en Granada do 16 ao 20 de setembro, presentaron un relevante traballo de imaxe médica oftalmolóxica.
Máis polo miúdo, a investigación dada a coñecer consiste no apuntalado dos piares para un modelo innovador de xeración de imaxe de anxiografía de fondo de ollo a partir de retinografía empregando tecnoloxías de aprendizaxe profunda, o que se coñece como Deep Learning. Segundo informa o CITIC, a conclusión final deste traballo é que “esta técnica permite usar aprendizaxe non supervisada para detectar estruturas relevantes do fondo de ollo e reproducilas na aparencia doutra modalidade diferente, utilizada con frecuencia no ámbito oftalmolóxico”.
O congreso MICCAI 2018 (21st International Conference On Medical Image Computing & Computer Assisted Intervention) tivo lugar en Granada do 16 ao 20 de setembro. Trátase do congreso de maior relevancia internacional en análise de imaxe biomédica e cirurxía asistida por computador, que congrega cada ano as mellores investigacións do mundo neste ámbito.

PUBLICIDADE