No marco da 27th European Conference on Artificial Intelligence (ECAI), organizada en Compostela polo CiTIUS da USC, celebrouse recentemente o International Workshop on AI in Education and Educational Research (AIEER), organizado por Francisco Bellas e Óscar Fontenla, investigadores do CITIC da Universidade da Coruña. Este evento reuniu a expertos de distintos ámbitos da Intelixencia Artificial (IA) aplicada á educación, con relatores tanto de áreas técnicas como de ciencias sociais, e permitiu o intercambio de ideas nun sector chave en plena expansión.
Durante o workshop presentáronse un total de 16 relatorios que abrangueron temas de vangarda como a creación de sistemas de titorado intelixente, o impacto dos modelos de linguaxe (LLMs) na educación, o desenvolvemento de currículos específicos para a Formación Profesional e a posta en marcha de sistemas automáticos de corrección.
A audiencia tamén tivo a oportunidade de asistir á charla plenaria do profesor Wayne Holmes, da UCL, quen ofreceu unha visión crítica e reflexiva sobre o rol da Intelixencia Artificial na educación, espertando un vivo interese entre as persoas asistentes.
Un dos momentos destacados do evento foi a presentación do investigador pre-doutoral do CITIC, Antonio Leis, quen expuxo o seu traballo titulado Personalized Learning of Programming Fundamentals through Robotic Simulations, enmarcado nun proxecto do CITIC orientado a facilitar a aprendizaxe da programación a través de simulacións robóticas. O proxecto, en desenvolvemento desde hai un ano, foi probado nun colexio público durante o ano 2024, mostrando prometedores resultados na personalización da aprendizaxe dos fundamentos da programación.
A organización da xornada de traballo AIEER subliña o compromiso do CITIC e dos seus investigadores por “impulsar a aplicación da IA no ámbito educativo, fomentando unha visión crítica e á vez práctica das ferramentas dixitais e os seus beneficios para a formación do futuro”.
Investigadores do CITIC mostraron na ECAI as facetas máis avanzadas da IA
Compartir Este Artigo

