Investigadores do CITIC organizan na FIC unha xornada sobre novos buscadores

martes, 2 de xullo do 2019 Redacción

Unha cita para estudantes, persoal investigador e empresas e mostrarlles diferentes claves tecnolóxicas que faciliten o seu día a día: para amosarlles como tirar o máximo proveito dos datos, para que saquen partido da nube e dos seus diferentes servizos e, en definitiva, para optimizaren as procuras de información. Estes son algúns dos obxectivos do Search Day que organizan este venres 5 de xullo os investigadores do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (o CITIC). Será na sede da Facultade da Informática do Campus de Elviña (a FIC).
O programa da xornada comezará (ás 10.00 horas) cunha introdución ao stack de Elastic da man de Ismael Hasan Romero, enxeñeiro de Elastic. Para quen non o saiba, Elastic e o seu stack de tecnoloxías constitúen unha máis que relevante solución cloud para as empresas: permiten acceder a calquera tipo de dato e visualizar a súa evolución en tempo real, mostrando o comportamento de cada unidade de información que guinda calquera tipo de negocio.
A continuación, sobre as 11.00 horas, é quenda de Diego Garea, enxeñeiro de software en Linknovate, que falará de como optimizar un buscador na nube (caso real). Para rematar, ás 12.00 horas, será a quenda de Manuel Noya Mariño, co-fundador e director executivo de Linknovate, que mostrará como emprender coa recuperación da información como core de negocio.

PUBLICIDADE