Investigadores do CITIC participan en Budapest na conferencia internacional sobre redes neuronais

venres, 19 de xullo do 2019 Redacción

Un dos congresos máis referenciais do mundo en materia de redes neuronais, o IJCNN, está a contar cunha notábel presenza de investigadores do CITIC. Máis polo miúdo, de Joaquim de Moura, Plácido Lizancos e Álvaro Suárez, todos eles integrantes da área de Visión Artificial do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña.
A edición 2019 da International Joint Conference on Neural Networks (IJCNN) celébrase esta semana (até hoxe) en Budapest (Hungría). Nela, os investigadores da nosa terra están a presentar catro salientábeis proxectos sobre aprendizaxe profunda (Deep Learning) e outras tecnoloxías avanzadas e as súas potencialidades para o ámbito da óptica, os tratamentos oculares ou a visión artificial.
A Conferencia Conxunta Internacional sobre redes neuronais (IJCNN) de 2019 estase a celebrar no Hotel InterContinental Budapest en Budapest. Está organizada pola International Neural Network Society (INNS) en colaboración coa IEEE Computational Intelligence Society e é a principal reunión internacional para investigadores e outros profesionais nas redes neuronais e áreas afíns. Conta con charlas plenarias achegadas por relatores de renome mundial nos eidos da teoría e aplicacións de redes neuronais, neurociencia computaciona, robótica ou Intelixencia Artificial. Ademais das sesións técnicas regulares con presentacións orais e pósteres, o programa da conferencia abrangue sesións especiais, competicións, titoriais e obradoiros sobre temas de interese actual.

PUBLICIDADE