Investigadores do CITIC, premiados no congreso nacional sobre investigación en defensa

luns, 30 de novembro do 2020 S. P.

Os investigadores do CITIC David Novoa, Carlos Eiras e Óscar Fontenla foron galardoados co Premio ISDEFE I+D+I Antonio Torres outorgado no marco do oitavo Congreso Nacional de I+D en Defensa e Seguridade (DESEi+d 2020). O traballo finalmente distinguido no congreso leva por título Mantemento preditivo de motores de buques mediante aprendizaxe automática.
Esta comunicación trata o traballo derivado do proxecto de innovación SOPRENE. O seu obxectivo é desenvolver un demostrador que permita, de xeito automático, predicir a futura aparición de anomalías en motores de buques, favorecendo así o asesoramento en tempo útil ás dotacións e a reorganización de tarefas programadas de mantemento.
O Congreso DESEi+d 2020 preséntase como un foro e punto de reunión de todos os axentes relacionados coa I+D no ámbito da Defensa e Seguridade. Nel, o persoal investigador ten a oportunidade de presentar e difundir os resultados dos seus últimos traballos nas áreas relacionadas. O premio conta cunha dotación económica de 2.500 € outorgada á mellor comunicación dun proxecto presentado no Congreso.

PUBLICIDADE