Investigadores do CITIC realizarán estadías curtas en universidades de renome

venres, 30 de xuño do 2017 Redacción

Investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC partirán nos vindeiros días cara a centros de investigación e universidades referentes e de recoñecido prestixio internacional e estatal coa finalidade de realizar estadías breves de traballo e de formación avanzada. A intención, en palabras do CITIC, é “que amplíen os seus coñecementos e melloren a súa competencia investigadora en centros altamente competitivos da súa área científica”.
Os beneficiarios terán como destino países como Xapón (Tokio Inst. Techology), Estados Unidos (Universidade de Stanford e de Minesota), Reino Unido (University College of London), México (Universidade de Guadalajara), Francia (Laboratoire Lagrange de Niza) ou Portugal (INESC TEC). Respecto das estadías nacionais, as universidades de destino serán as de Málaga e Castela A Mancha, así como o Centro Nacional de Supercomputación de Barcelona (BSC-CNS).
Esta iniciativa do CITIC está co-financiada pola axuda de Centros Singulares de Investigación 2016-2019, financiada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e espérase darlle continuidade nas próximas anualidades.

PUBLICIDADE