Investigadores do CITIC reciben un premio da Fundación BBVA á mellor contribución en estatística

luns, 17 de agosto do 2020 S. P.

A Fundación BBVA premiou como mellor contribución metodolóxica aplicada en estatística un proxecto no que participan investigadores do CITIC (Centro de Investigación TIC) da UDC. Os autores e responsábeis da iniciativa distinguida son Inés Barbeito e Javier Tarrío-Saavedra, investigadores do centro coruñés; Sonia Zaragoza, adxunta a Transferencia no Vicerreitorado de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, e Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC e investigador do CITIC. O proxecto foi publicado en 2017 na revista Applied Energy.
Concretamente, trátase dunha aplicación para a mellora da eficiencia enerxética, que supervisa, controla e optimiza o consumo de enerxía en edificios, buscando ao mesmo tempo o máximo confort térmico, explica o CITIC, engadindo que para o devandito cometido a ferramenta bota man do procesado de datos almacenados nunha web desenvolvida de maneira específica, e tamén calcula o correspondente aforro enerxético, empregando un software de código aberto. O resultado, apunta o centro, é “un sistema interdisciplinar, que combina investigación en enxeñaría, computación e estatística, e cun alto impacto social pola súa contribución á mellora da eficiencia enerxética”.
Trátase dun do catro traballos premiados pola Fundación BBVA na primeira edición duns premios que nacen para incentivar aos investigadores españois en Estatística e Investigación Operativa, e a través deles impulsar a proxección destas dúas disciplinas ao conxunto da sociedade.

PUBLICIDADE